Partido Popular de Lugo

O GPP esixe a Besteiro que compareza e dea explicacións sobre as investigacións levadas a cabo na Deputación de Lugo

Lugo, 22 de novembro de 2014.- O Grupo Provincial do Partido Popular esixiu esta tarde, a través da súa voceira Elena Candia, que o presidente da Deputación Provincial e líder dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, compareza e dea explicacións ante as investigacións que se están a levar a cabo na administración lucense e que, segundo anunciaron os medios de comunicación, perseguen presuntos delitos de tráfico de influencias, malversación de fondos públicos, exaccións ilegais e prevaricacións.

 

Así, os populares, como grupo maioritario na Deputación de Lugo, amosaron a súa preocupación ante o que está a acontecer e pedirán a través dunha iniciativa no próximo pleno que o socialista dea unha rigorosa aclaración ao respecto. Para os populares, respectando sempre a presunción de inocencia, estase ante un feito moi grave, e seguramente inédito en España; xa que ante varias investigacións un presidente provincial elude dar explicacións ao respecto.

Críticas do GPP
O GPP xa ten denunciado as políticas de persoal da Deputación, e fai un semana criticou ata catro manobras xurídicas, entre elas a modificación en dúas ocasións da RPT, para que un traballador cun cargo de confianza fose hoxe funcionario de carreira.
A maiores, os populares recordan que sobre a institución provincial pesan denuncias que tamén están a ser investigadas sobre presuntos casos de acoso ao persoal do servizo de protocolo.

Subvencións deportivas
Os populares lembran que tanto o C.B. Breogán como a Fundación Balogal percibiron a través de subvencións da Deputación dende o ano 2008 máis de 5,1 millóns de euros. O GPP ten denunciado a través da análise de contas xustificativas o uso partidista dalgunha destas achegas.

A maiores lembran que o GPP tamén ten rexistradas preguntas, unha delas para a resposta no próximo pleno provincial, na que se interesan polo importe total das facturas emitidas polas empresas Markova-Tic e Dioptra.

Non é algo novo. Outras investigacións
O GPP lamenta que as investigacións no seo da Deputación non é algo novo e lembran os procesos abertos en torno á piscina de Monterroso, polo estudo de 323.000 euros sen executar; ou sobre as presuntas irregularidades na estrada Alto do Valiño-Valdeporrás, sobre a que a Fiscalía está tamén a estudar a existencia dun presunto delito de malversación.

Os populares tamén recordan que a tenente de alcalde da Pastoriza do BNG levou a Fiscalía as obras da piscina da Pastoriza por presuntas irregularidades na execución do proxecto; ata o punto de que a investigación sobre o propio patrimonio de Besteiro tamén figura na no sumario da operación Pokemon.

Pídenlle a Besteiro a mesma vara de medir
Así, os populares pídenlle a Besteiro a mesma vara de medir, xa que mentres el pide explicacións ao resto dos partidos políticos, na Deputación asegura que só tomará medidas ante feitos probados.