Partido Popular de Lugo

A conselleira de Sanidade confirma ao presidente do PP de Riotorto que o SERGAS cubrirá a praza de médico vacante no centro de saúde a través do concurso de traslados iniciado en xaneiro deste ano

Lugo,  24 de xaneiro de 2013.- O presidente do Partido Popular de Riotorto, Clemente Iglesias informou que, segundo lle confirmou a conselleira de Sanidade Rocío Mosquera nunha reunión que mantiveron hoxe, o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) procederá á cubrir a praza de médico que permanecía vacante no centro de saúde desta localidade.

PROCEDEMENTO HABITUAL

O popular quixo aclarar que non se trata dunha situación excepcional, ou a resposta a ningunha presión, senón que o SERGAS realizará a cobertura desta praza seguindo o procedemento habitual e regulamentariamente previsto para os casos de vacante.

Vai máis aló e aclara que o concurso de traslados que se aplicará neste caso, está rexido pola normativa xeral que foi aprobada xa no mes de xaneiro, en concreto pola Resolución da Dirección de Recursos Humanos do SERGAS, ditada o 8 de xaneiro de 2014 e publicada no DOG o 21 de xaneiro deste mesmo ano.

COBERTURA

Clemente Iglesias explicou que unha vez remate todo o procedemento, o novo facultativo que ocupe esta praza poderá estar traballando previsiblemente, xa no mes de febreiro do ano próximo, data prevista para finalizar o concurso de traslados aprobado en xaneiro.

AGRADECEMENTO

Desde o Partido Popular agradeceron a información facilitada pola conselleira así como a sensibilidade que amosou o Goberno galego con Riotorto tras comprobar a importancia de manter o número de médicos adscritos a este centro de saúde.

Recentemente, unha das profesionais que ocupaba, con carácter interino, unha das prazas de medicina de familia, comunicou a súa decisión de renunciar a dito posto. O centro de saúde de Riotorto contará -en breve- co mesmo persoal e mantén xa os mesmos servizos sanitarios que ata o de agora: medicina xeral, enfermería e servizos administrativos.