Lugo, 20 de novembro de 2014.- O Grupo Provincial do Partido Popular denunciou esta mañá a política de recortes do presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, dende a elaboración dos primeiros orzamentos socialistas no ente lucense (ano 2008). Así, os populares aseguran que “os recortes nas áreas máis importantes para a provincia asustan”.
Redución en investimentos reais
Os orzamentos de 2015 consagran un recorte do 61% en investimentos reais. No 2008 este capítulo ascendía a 40,69 millóns de euros; e nas contas que veñen de presentarse suma soamente a contía de 15,8 millóns.
Deste xeito, os populares lamentan que os coñecidos como investimentos reais presentan este ano un nivel moitísimo máis baixo respecto a 2008; tendo en conta a maiores que este capítulo xa presentara entre 2013 e 2014 unha redución considerable do 21%.
Así, segundo explican os populares, esta diminución dos fondos destinados a investimentos reais débese a recortes en investimento novo en infraestruturas e bens destinados a uso xeral (baixada do 98%), en reparación de infraestruturas e bens destinados ao uso xeral (diminución do 61%) e en gastos en investimento de carácter inmaterial ( baixada do 25%).
Transferencias de capital
Os populares tamén lamentan a diminución en transferencias de capital, que pasaron dos 10,7 millóns aos 6,6 millóns; é dicir, un recorte do 38%.
Administración máis ineficiente e ineficaz
O GPP tamén asegurou que se atopou con datos que permiten concluír que se está ante unha administración dende o 2008 “máis ineficaz e ineficiente”.
Os populares explican que, mentres no ano 2008 de cada cen euros, 13 foron para gastos correntes; no 2015, de cada 100, 15 son para esta finalidade.