Santiago, 21 de novembro de 2014.-A deputada do PPdeG Isabel García Pacín lamentou hoxe na Comisión de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes do Parlamento a “reiterada manipulación e terxiversación da realidade, por parte da oposición, ao respecto de Alimentos Lácteos”. “Está claro que o único que pretenden é facer lume desta iniciativa e, de todas as empresas que a Xunta apoia e avala, a través de Xesgalicia e o Igape, é a única que lles interesa para a súa utilización política, manipulando e terxiversando a información á xente en beneficio partidista” segundo García Pacín.
A deputada popular reiterou na súa intervención que “a Xunta está comprometida co sector lácteo e en facer viable empresas galegas,
tal e como se aprobou nun acordo parlamentario na anterior Lexislatura no Parlamento para fomentar o apoio institucional de proxectos de base cooperativa”.
Nembargantes, indicou García Pacín, “a Xunta non tenresponsabilidade directa en decisións que se toman non ámbito das empresas privadas” xa que “despois de apoiar proxectos produtivos que se consideran estratéxicos para Galicia as decisións atañen aos responsables da empresa ou a xestión privada”.
“A responsabilidade da Xunta é apoiar todos os proxectos viables onde se fomente o asociacionismo das cooperativas, a suma das cooperativas, para fortalecer ao sector, pero a Xunta non participou na xestión de Alimentos Lácteos nin na toma de decisións e a situación actual así o admite porque hai responsables directos desa xestión”.
VENDA DIRECTA PRODUTOS AGRÍCOLAS
Ao respecto do etiquetaxe na venda directa de produtos agrícolas a deputada popular defendeu a medida como “beneficiosa e demandada por parte do consumidor que incide na salubridade, na calidade e na trazabilidade dos produtos da propia explotación”
“O que se está a facer é regular que producións alleas non compitan de forma desleal como xa se estaba a producir, e tratar de buscar así mesmo outras vías de comercialización con maior rendabilidade para os excedentes” indicou García Pacín.
A deputada popular sinalou ante a actitude da oposición que “si se regula porque se regula e se non porque non” e lamentou “ a confusión xenerada ante a normativa que pretende regular a venda directa e en canto aos produtos concretos e as cantidades limitadas que van a estar suxeitos a esa regulación, no canto de informar e trasladar os beneficios da norma”.