Lugo 19 de novembro de 2014.- Que a Deputación de Lugo dote de recursos económicos liñas de axuda a prol do asociacionismo feminino na provincia de Lugo e que colabore coas administracións locais e autonómica naquelas accións que teñan por obxecto loitar contra a lacra social de violencia de xénero son as peticións que o PP provincial lle fai á Deputación de Lugo.
Unhas reclamacións que esixe a través dunha moción, que ven de rexistrar esta mañá e que se debatirá no pleno provincial do vindeiro martes.
En dita moción o grupo provincial do PP pide ao presidente do Organismo provincial, José Ramón Gómez Besteiro, que as contas do Organismo Provincial contemplen un informe de impacto de xénero, é dicir, un estudo riguroso analizando a influencia de tódalas partidas, actuacións e programas en homes e mulleres.
Critican os populares que nos últimos anos Gómez Besteiro recortou á mitade a partida para igualdade, sendo no 2013: 240 mil euros; no 2014: 140 mil e 2015: 120 mil.
Conclúen o grupo provincial popular recalcando que é tarefa dos poderes públicos loitar para previr e erradicar a violencia de xénero, artellando así medidas de sensibilización, asesoramento, atención e protección ás mulleres que a sofren, procurando os medios efectivos e axeitados a cada caso e as alternativas para o exercicio dos seus dereitos como cidadás nun estado democrático.