Burela, 15 de novembro de 2014. O alcalde, o popular José María González Barcia, afirmou hoxe que a posta en marcha do servizo de oncoloxía no Hospital da Costa “é un enorme avance para a comarca, e unha mellora substancial na calidade de vida dos veciños e veciñas da mesma”.
O rexedor burelés manifestou que “o xoves foi un bo día, un moi bo día, para os veciños e veciñas da comarca e para a sanidade pública da mesma. Por desgraza non son poucas as persoas afectadas polo cancro, e poder contar con este servizo no hospital suporá unha mellora cualitativa significativa na súa calidade de vida”.
Barcia engadiu que “se van dando os pasos precisos para que o hospital sexa o que todos queremos, aínda que lembro que tampouco é patrimonio de ninguén, e iso dígoo por aqueles que durante meses falaban e mesmo falan do noso hospital, como se foran eles os únicos que están en posesión da verdade e da razón absolutas”. E dixo: “eses pasos precisos terán continuidade, e no caso concreto de oncoloxía nos próximos meses veremos como isto que é unha novidade moi importante se converte en algo normal e cotiá”.
González Barcia considera que “este avance vai axudar a disipar dúbidas naquelas persoas que de boa fe pensaban que as cousas podían ser de forma distinta ás que son. Xa sei que haberá unha minoría que seguirá na súa teima, pero o caso é que a realidade é terca e pon a cada quen no seu sitio, da e saca razóns. Eu, persoalmente, defendo o hospital coma o que máis, e nunca tiven dúbidas ao respecto do servizo de oncoloxía, como tampouco as teño noutras cousas”.