Partido Popular de Lugo

O GPP denuncia que a Deputación converta en funcionarios persoal de confianza do presidente

Lugo, 14 de novembro de 2014.- O Grupo Provincial do Partido Popular denuncia que a Deputación de Lugo converta en funcionarios a persoal de confianza do presidente. En concreto, os populares refírense a praza de xornalista.

Os populares explican que a función de xornalista é propia de carácter eventual, tal e como se dá na maioría das administracións, xa que o seu traballo baséase na confianza. Así, o cese da persoa que realiza esta función coincidiría co da persoa que o nomeou, neste caso co do presidente da Deputación Provincial.

Na Deputación de Lugo modificáronse en varias ocasións as Relacións de Postos de Traballo (RPT) e, polo tanto, a plantilla provincial para que a persoa que no 2007 fora nomeada como asesora de comunicación, (posto eventual que cesaría co do Presidente, tal e como se recolle no BOP 9 de outubro de 2007), conte hoxe con praza de funcionaria de carreira; e veña de ser nomeada como Xefa do Servizo de Comunicación e Técnicas da Información e Comunicación (TICs).

Deste xeito, a Deputación de Lugo convértese na única administración provincial galega que ten persoal de confianza con este perfil funcionarizado. A maiores, o GPP advirte de que estará alerta para que na modificación que parece estar prevista na RPT 2015 non se repitan casos semellantes e para elo utilizará todas as medidas que existan no Estado de Dereito

Manobras xurídicas

Os populares citan ata catro manobras xurídicas para que a persoa de confianza do presidente que tiña un cargo provisional no 2007 conte hoxe cunha estabilidade laboral e con melloras nas súas condicións salariais.

1.-  Modificación da RPT do 2009

No ano 2009 lévase a cabo un modificación do cadro de persoal, no que se crea unha nova praza, a de licenciado en xornalismo e que o fan baixo unha motivación, cando menos, sorprendente.

Argumentan a necesidade para abordar esta modificación tendo en conta que: “…a etapa de crise que se está a vivir considérase necesario non incrementar o número de efectivos do cadro de persoal e circunscribir a creación de novas prazas ás necesidades dos servizos de carácter máis urxente”.

As administracións contaban con restricións para a creación de prazas. A lei recollía que estas “…se concentraran nos sectores, funcións e categorías profesionais que se consideren prioritarios e afecten ao funcionamento de servizos públicos esenciais…”.

Polo tanto, a necesidade desta praza non quedaba motivada e, máis tendo en conta que, a función de xornalista non ten que ver con servizos públicos esenciais que debe prestar a Deputación de Lugo por lei.

2.- Concurso oposición para cubrir a praza de xornalista

A seguinte manobra da Deputación dirixiuse a cubrir a praza de xornalista. Dado que as eleccións municipais se celebraron en maio de 2011, convocaron a praza, a toda presa, no BOP de 23 de marzo de 2011. Cabe destacar que nas bases do concurso incluíase a opción de que o  primeiro exercicio a resolver fose elixido polo Tribunal e non incluído en sorteo.

O BOP do 13 de xullo de 2011 recolle o cese da persoa que ocupa con carácter eventual o posto de asesora de comunicación, e faino con efectividade de 21 de xuño de 2011. Curiosamente, un día despois, o BOP do 22 de xuño de 2011, cita o nomeamento desta traballadora como funcionaria de carreira.

Tratouse dun proceso selectivo que se desenvolveu apresuradamente días antes de celebrarse as eleccións municipais, ante, posiblemente, o temor da perda da Presidencia da Deputación.

3.- Creación do Posto do Xefe do Servizo de Comunicación e Técnicas da Información e Comunicación (TICs)

Na Relación de Postos de Traballo do ano 2012 crease a praza de Xefe de Servizo de Comunicación e TICs, que motivan na necesidade de atender a prestación dos servizos adecuando a estrutura organizativa en función de ditas necesidades. Así, configuran Presidencia como unha Área; dentro da que se integra o servizo de comunicación que pasa a denominarse Servizo de Comunicación e TICs.

4.- Provese vacante de Xefe do Servizo de Comunicación e Técnicas da Información e Comunicación (TICs)

A Xunta de Goberno do pasado sete de novembro de 2014, aprobou a proposta de nomeamento para prover polo sistema de concurso, distintos postos de traballo, vacantes na R.P.T. 2014 e reservados a persoal funcionario.

Así, resolven definitivamente o concurso nomeando a mesma persoa que ocupara a praza de licenciado en xornalismo para cubrir con carácter definitivo  o posto de traballo denominado Xefa do Servizo de Comunicación e Técnicas da Información e Comunicación (TICs), cun nivel de complemento de destino 28.