Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR PIDE QUE RTVE RECONSIDERE O CESE DE EMISIÓN DE RADIO EXTERIOR DE ESPAÑA EN ONDA CURTA

Santiago, 7 de novembro de 2014.- O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, explicou que os populares galegos defenden e demandan que á Corporación Pública da Radio Televisión Española (RTVE) reconsidere o cese de emisión de Radio Exterior de España a través da onda curta, e así o reclaman nunha iniciativa rexistrada no Parlamento de Galicia.

Desde o 15 de outubro miles de tripulantes galegos das embarcacións de altura e gran altura xa non poden escoitar esta emisora pública, a única canle que trasladaba as noticias do noso país ata os cinco continentes, xa que podían sintonizala con independencia do mar ou do océano onde estiveran traballando.

SERVIZO PÚBLICO, ÚTIL E ESENCIAL

Balseiro, que non dubida en cualificar como errada a decisión do cese das emisións analóxicas de Radio Exterior de España insiste en que a emisora ofrecía un servizo público útil e esencial para estes miles de mariñeiros, afeitos a pasar longas temporadas lonxe dos seus fogares e nas duras condicións propias de pesca en alta mar.

CARTA DO PRESIDENTE DA XUNTA AO PRESIDENTE DE RTVE

Balseiro explica que Galicia, como boa terra mariñeira, lidera esta ofensiva tanto desde o punto de vista das peticións formuladas polos propios profesionais do mar e das asociacións de tripulantes e armadores que os representan, como tamén, desde o ámbito institucional.

De feito, Balseiro explicou que o Goberno galego comparte esta demanda ata o punto de que o propio Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xa ten trasladado esta cuestión ao novo Presidente da corporación pública estatal, Jose Antonio Sánchez.

O mandatario galego alerta, nunha carta dirixida a Sánchez, da importancia social que para a xente do mar supón Radio Exterior de España, e reclama que se proceda a revisar a decisión adoptada e recuperar as emisións en onda curta.

“Tamén se teñen desenvolvido xestións desde que se coñeceu a decisión de deixar de emitir en onda curta desde a Secretaría Xeral de Medios da Xunta e desde a propia Consellería do Mar”- explicou Balseiro.

INTERNET, TDT OU O SATÉLITE NON SON ALTERNATIVAS

O voceiro popular do Mar pediu tamén que se estude a fórmula técnica necesaria para recuperar estas emisións porque internet, a TDT ou a recepción vía satélite non son unha alternativa real para escoitar a radio a bordo dun buque en alta mar.

De feito existen, amplas zonas no mundo onde acceder a internet ou á tecnoloxía satélite non é posible ou precisa dun equipamento complexo, extremadamente custoso e, en consecuencia, difícil de asumir para moitas flotas e moitos profesionais do mar.

“Enmudecer a radio en onda curta deixa na práctica orfos a moitos mariñeiros que están no exterior, illados do que acontece a cotío no seu país”-sinala Balseiro

MÁIS DE SETENTA ANOS DE SERVIZO

Radio Exterior de España (REE) naceu fai máis de 70 anos e, desde o seu inicio, foi configurado como un medio dirixido a moitos dos nosos concidadáns que se atopan fóra e tamén para estranxeiros interesados polo noso país.

Cada hora, dan conta da actualidade ao resto do mundo. Ademais, Radio Exterior de España conta cunha amplísima oferta de programas, entre os que cabe destacar a emisión de espazos destinados á aprendizaxe do castelán, ao turismo, á música, ao deporte, ao mar, á solidariedade, á ciencia ou á medicina.

Os populares poñen de relevo tamén que no ámbito internacional outras compañías públicas, actúa na dirección contraria e están reforzando as súas emisoras dirixidas ao exterior, como é o caso da BBC, Radio France Internacionale, Deutsche Welle, China Radio Internacional o Voice of America.