Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR LEMBRA QUE XA NO MES DE XUÑO A XUNTA ALEGOU CONTRA A PROPOSTA EUROPEA PARA PROHIBIR A ARTE DO XEITO

Santiago, 22 de outubro de 2014.- O voceiro do Mar do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, lembrou hoxe no Parlamento que a Xunta de Galicia xa rexistrou no mes de xuño, fai case cinco meses, alegacións contra a proposta de regulamento europeo que busca prohibir o xeito, dentro da prohibición xenérica da pesca con redes de deriva.

José Manuel Balseiro asegurou que “a Xunta traballou desde o minuto un en defensa desta flota, a través da Delegación española, a quen lle compete como Estado membro, alegando contra esta medida cando debía facelo, isto é, no momento da chamada codecisión” Ademais, lembrou o apoio ás alegacións formuladas pola Federación Galega de Confrarías de Pescadores, que coincidían cos argumentos expostos pola Xunta.

NO MOMENTO OPORTUNO

Balseiro aclarou que “este era o momento procesual oportuno para realizar estas peticións e non a través da consulta pública aberta pola UE, un espazo de participación da sociedade, no que, por exemplo, formularon propostas países de fóra da Comunidade Europea como Suiza ou persoas anónimas como un participante que se identificou como pescador lúdico”.

Logo de aclarar esta cuestión, Balseiro non dubidou en acusar á oposición de intentar confundir aos mariñeiros para agochar os continuos cambios de criterio de PSOE, BNG e AGE en Europa e lembrou que cando o eurodeputado popular Francisco Millán Mon fixo as primeiras intervencións en defensa da flota do xeito, “BNG e PSOE parecían estar fóra de xogo e descoñecer a importancia de defender nas institucións comunitarias esta cuestión”.

NOVO CHAMAMENTO AO CONSENSO

Con todo, desde o Partido Popular volveron a amosarse favorables a impulsar todas as iniciativas que sexan necesarias en apoio da continuidade da actividade da flota do xeito e, nese sentido, lembraron que fai pouco máis de sete días, na última xuntanza da Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia, se aprobou un acordo por unanimidade dando conta desta cuestión, como agora tamén o fixeron da proposta socialista que coincidía coas peticións formuladas pola Xunta, dirixidas a buscar compensacións ante o peche da pesca da sardiña.

Balseiro volveu a insistir en que o Goberno galego “ten unha posición clara, e de feito lidera as peticións en beneficio da flota do xeito empregando dous argumentos fundamentais: que, como xa indicamos, estamos a falar dunha arte de pesca artesanal, que ten unha escasa incidencia nos recursos pesqueiros e conta cunhas capturas proporcionalmente moi baixas respecto doutras artes de pesca (entorno a 50 quilos diarios); e que a súa actividade se desenvolve exclusivamente en augas interiores”.

Sobre esta última cuestión, os populares si quixeron aclarar que non pode ser interpretada como o fai AGE, que demandaba literalmente “que se exclúa esta flota do TAC, de xeito que as súas capturas non computen a estes efectos”. Os populares lembran que, atendendo a lexislación comunitaria vixente e os tratados europeos, as cotas de pesca se aplican en todas as augas comunitarias, sen excepción, polo que a petición formulada pola coalición de Anova e Esquerda Unida era manifestamente ilegal.