Lugo, 11 de abril de 2014.- Durante a súa intervención na Comisión de Agricultura que tivo lugar esta mañá no Parlamento de Galicia, o deputado do Grupo Popular, Ángel Camino Copa, trasladou ao Secretario Xeral do Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto Juanas, a necesidade de que se habiliten fórmulas para axilizar que as autorizacións de cortas de madeira en Rede Natura ou en zonas de influencia de canles fluviais, poidan efectuarse por un só axente e non por varios, como acontece ata o de agora.
O deputado popular sinala que esta petición constitúe unha reiterada e xeneralizada reivindicación de propietarios e madeiristas que observan como o sistema actual atrasa moito a tramitación burocrática destes permisos, co consecuente prexuízo para os afectados.
Ata o de agora, cando se realizan solicitudes de cortas de madeira en espazos afectados pola Rede Natura, ou tamén en zonas de influencia de canles fluviais, é necesaria a visita a campo de máis dun axente, adscritos a distintos departamentos administrativos.
Ángel Camino Copa realizou esta petición (entre outras) no transcurso da formulación dunha pregunta parlamentaria na que se interesou polo desenvolvemento do novo Decreto de aproveitamentos forestais aprobado no día de onte polo Consello da Xunta.