Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR DEFENDE INCLUÍR AXUSTES PARA MELLORAR AS CONDICIÓNS DE EXECUCIÓN DA OBRA DA CANLE DOS RÍOS SARRIA E CELEIRO ASÍ COMO FACELO CO MAIOR CONSENSO POSIBLE

Santiago, 26 de marzo de 2014.- O deputado do Grupo Popular Jaime Íñiguez defendeu esta tarde no Parlamento a inclusión de axustes para mellorar as condicións de execución da obra de adecuación da canle e ordenación dos ríos Sarria e Celeiro, nos que se conxugue a diminución dos riscos de enchente coa minoración de impactos ambientais na illa do Toleiro e nas árbores de ribeira, así como facelo co maior consenso posible e co máximo respecto ao patrimonio histórico-artístico, etnográfico, cultural, ambiental e paisaxístico de Sarria.

Jaime Íñiguez recordou que o proxecto de adecuación que se está a executar nos ríos Sarria e Celeiro foi aprobado polo Concello de Sarria en 2008, estando no goberno municipal o Partido Socialista e o BNG e logo de realizar distintos estudos de viabilidade para resolver un problema que padecían os veciños residentes á beira destes ríos.

“Por este motivo, consideramos ilóxico que neste momento, cando se están a executar as obras aprobadas e solicitadas por socialistas e nacionalistas cando gobernaban no Concello, se opoñan a esta actuación e soliciten a súa paralización inmediata”, sinalou o deputado popular.

Na súa intervención no Pleno do Parlamento, Íñiguez recordou que o proxecto foi publicado no BOE o 30 de xullo de 2010 e foi exposto ao público e aos veciños de Sarria, rexistrándose só dúas alegacións.

O deputado popular indicou que no proxecto se fai unha descrición das características de como debe desenvolverse a actuación, tanto a nivel de obra como de consultas e informes de numerosos organismos de distintas administracións, todos eles favorables. En concreto, sinálase que para o seu desenvolvemento pode ser necesario eliminar parte da vexetación que circunda o río, co compromiso da revexetación posterior.

Jaime Íñiguez fixo referencia aos recentes acordos adoptados pola Confederación Hidrográfica coa plataforma, que inclúe o compromiso de non retirar a baranda, nin actuar na illa,  e so se fai referencia ao recorte de sete árbores que están inclinados sobre o río.

“Paréceme lexítimo que a xente se manifeste, pero tamén hai que ter presente que hai moita xente que sofre en silencio o vaivén do río”, sinalou o deputado popular, quen lembrou que nas últimas crecidas do río resultaron afectados máis de 350 veciños e os danos se valoraron en máis de 5 millóns de euros.