Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR APOIA A TOMA EN CONSIDERACIÓN DA INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR PARA GARANTIR HEMODINÁMICA, RADIOTERAPIA E MEDICINA NUCLEAR EN IGUALDADE DE CONDICIÓNS A TODOS OS GALEGOS

Santiago, 25 de marzo de 2014.-O Grupo Popular apoiou hoxe no Parlamento de Galicia a toma en consideración da iniciativa lexislativa popular para garantir as prestacións das especialidades de hemodinámica, radioterapia e medicina nuclear en igualdade de condicións para toda a cidadanía galega, con independencia do seu lugar de residencia en Galicia. O deputado Jaime Castiñeira explicou que “existe unha planificación e un traballo continuo para dotar ao Hospital Universitario Lucus Augusti destes servizos” e concretou que neste momento este centro sanitario xa dispón de servizo de hemodinámica, mentres que a dotación de radioterapia e a medicina nuclear atópase en tramitación logo de que fora licitada hai seis meses.

Jaime Castiñeira fixo un recoñecemento para os autores da iniciativa lexislativa popular “por canalizar unha preocupación dos lucenses que ven complementar e refrendar o compromiso firme da Xunta de Galicia coa sanidade de Lugo, como apuntou o propio Presidente da Xunta na inauguración do Hospital de Lugo”. Neste sentido, recoñeceu que “houbo retrasos, pero non poden dicir que non haxa sensibilidade e compromiso para dotar a Lugo destes servizos”.

EXCELENTES E CUALIFICADOS PROFESIONAIS

O deputado popular defendeu os “excelentes e cualificados profesionais” que integran o servizo de cardioloxía do HULA e puxo como exemplo que a taxa de mortalidade por infarto agudo de miocardio está por baixo da media galega. Ademais, negou que “se estea a cobrar polo traslado en ambulancia: nunca se cobrou e moito menos aos enfermos de cancro”.

“A implantación do servizo de hemodinámica é unha realidade desde principios do mes de xaneiro, porque hai que dar pasos axeitados e se están dando”, sinalou o deputado popular.

Respecto da radioterapia e a medicina nuclear, Castiñeira recordou que hai seis meses que foi licitado este servizo, incluído nun paquete de equipamento para varios centros hospitalarios galegos por un importe de 88 millóns de euros. “Estou convencido de que máis pronto que tarde disporemos en Lugo destes servizos”, indicou.

COMPROMISOS INCUMPRIDOS DO BIPARTITO

“No Partido Popular temos moi claro as reivindicacións, pero tamén os compromisos da Xunta de Galicia”, manifestou Jaime Castiñeira, quen recordou os compromisos realizados polo anterior goberno bipartito nos anos 2008 e 2009 “que deixaron todo sen facer e foi o actual Goberno galego o que tivo que pagar 47 millóns de euros para o remate do edificio e 41 millóns de euros para mobiliario e equipamentos do hospital”.

Neste sentido, subliñou que “os catro fitos máis importantes da historia do Hospital de Lugo corresponden ao Partido Popular: en 1996 acordouse o Plan Funcional e a construción do hospital; en 1998 se contrata o proxecto do hospital; en 2002 se inician os traballos de construción; e en 2010 se rematan o novo hospital e se inicia a posta en marcha e o traslado ao novo centro, que será inaugurado en febreiro de 2011”.