Partido Popular de Lugo

Balseiro: “O alcalde falta á verdade. O PSOE non quere a residencia de Becerreá”

Lugo, 27 de marzo de 2014.- O deputado do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, asegura que o alcalde de Becerreá, Manuel Martínez “falta á verdade, porque o PSOE non quere a residencia de Becerreá”.

Realiza esta contundente afirmación lembrando que o Grupo Socialista votou en marzo 2008 –isto é cando formaba parte do Goberno da Xunta- en contra dunha iniciativa do Grupo Popular que foi debatida no Parlamento de Galicia e na que se demandaba ao bipartito “iniciar coa maior celeridade posible un xeriátrico neste municipio”

“Os socialistas terán que explicar aos veciños de Becerreá por que razón cando tiñan medios e capacidade para facelo, porque estaban no Goberno bipartito, non quixeron executar esta obra” –dixo Balseiro.

Este comportamento tan incoherente dos socialistas “boicoteando onte o que hoxe reclaman, carece de rigor e seriedade” xa que logo –lembra Balseiro- no ano 2008 Becerreá tiña a mesma ou máis necesidade que ter a residencia que hoxe. “De feito os datos estatísticos demostran que Becerreá baixou en máis de 200 o número de habitantes desde o ano 2008 e xa tiña entón unha poboación moi envellecida”.

INVESTIMENTOS

O parlamentario popular tamén quixo salientar a incapacidade do rexedor socialista á hora de desmentir o  incremento nun 147% do investimento da Xunta no municipio desde a chegada ao Goberno autonómico do Partido Popular. No día de onte Jose Manuel Balseiro, citando datos oficiais explicou que nos últimos cinco anos os investimentos da Xunta en Becerreá superaron os 3,7 millóns de euros, multiplicando por dous o investimento realizado polo bipartito en 2009, “un suposto goberno amigo”.

“O compromiso da Xunta con Becerreá é claro. Malia que lle pese ao alcalde obsesionado en inventarse unha falsa discriminación. Os datos están aí e amosan un apoio moito maior a Becerreá desde que o Partido Popular ten a responsabilidade de xestión na administración autonómica e todo iso, a pesar da nula colaboración institucional do Goberno local e do alcalde”-concluíu Balseiro