Partido Popular de Lugo

O PP alerta das dúbidas que xera o proceso de contratación do servizo de vixianza da Deputación

Lugo, 13 de marzo de 2014.- A voceira do Partido Popular na Deputación de Lugo, Elena Candia, acompañada de deputados provinciais, deu conta esta mañá en rolda de prensa das dúbidas, que xera o proceso de contratación do servizo de vixilancia e seguridade nas distintas dependencias da administración lucense.

A Deputación vén de aprobar en xunta de goberno do pasado sete de marzo de 2014, unha rectificación de erros dos pregos para a contratación do referido servizo. “Mediante o procedemento de corrección de erros, modifican o prego de cláusulas administrativas, de maneira que non están a corrixir erros mínimos e insignificantes, senón que o prego de cláusulas administrativas sofre modificacións substanciais”.

“A Deputación Provincial de Lugo modifica as regras unha vez iniciado o xogo”, matizou a voceira dos populares, quen asegurou que todo aparenta que “non se está ante un corrección de erros, senón ante un cambio de vontade”, referiu.

Neste senso, a voceira dos populares recordou unha expresión popular que refire a que “sempre hai que selo, pero nestes momentos máis que nunca, hai que esforzarse en parecelo”.

Máis ca unha corrección de erros

O 21 de febreiro de 2014, o equipo de goberno da Deputación aproba o expediente e os pregos de cláusulas administrativas relativas ao servizo de vixilancia e seguridade das dependencias da administración lucense. O contrato terá unha duración de catro anos, que se poderá prorrogar por mutuo acordo das partes durante dous anos máis.

Só quince días despois da aprobación deste prego, aproban unha corrección de erros “sobre as que o GPP non entende as razóns”. “Cambiáronse de forma repentina os criterios a esixir as empresas que queiran optar ao contrato, cando o servizo que se adxudicará é o mesmo”.

Os populares denuncian a improvisación neste senso, ao estar a poucos días de que finalicen os contratos en vigor; tento en conta que estes foron aprobados en marzo de 2013; cunha duración dun ano.

Cambios substanciais no prego de cláusulas administrativas

O cambio nalgunha das cláusulas favorece a adxudicación por medio de valoracións subxectivas; ao tempo que o GPP entende que estas modificacións poden implicar prexuízos tanto para a Deputación como para os traballadores.

Coa modificación da cláusula 13ª do prego administrativo, pásase a limitar, nun máximo de oitocentas, o número de horas anuais, sen custo para a Deputación, por servizo que poden ofrecer as empresas concorrentes. Polo tanto, dunha disposición libre que había nun primeiro momento restrínxese o máximo a ofrecer. O GPP entende que, con este cambio, conséguese que non se poda establecer unha distancia puntual dos baremos desta valoración a obter polas empresas concorrentes.

Ademais, coa modificación da cláusula 6ª dos pregos técnicos para a contratación do servizo de vixilancia en varias dependencias provinciais pásase de esixir á empresa adxudicataria que dispoña de delegación en Lugo, homologada pola Dirección Xeral de Seguridade, a directamente non ser valorado este requisito, pero si manténdose a esixencia de dispoñer dun plantel que garanta a normal prestación do servizo de xeito ininterrompido.

Este requisito que se elimina é común e usual nos pregos de contratación deste ámbito. A maiores, o GPP entende que non indicar de forma concreta que supostos requisitos darían cumprimento á normal prestación do servizo de xeito ininterrompido; implica que este requisito quede aberto a interpretacións subxectivas. No primeiro prego sería requisito mínimo 30 vixiantes de seguridade ao ser esixible a delegación homologada, descoñecéndose, polo tanto, o baremo para esta nova modificación.

A maiores tamén se producen modificacións nas cláusulas terceiras do prego técnico de vixilancia do Pazo Provincial e no do Pabellón de Deportes; impedindo a contratación de auxiliares de servizos, que son substituídos por vixilantes de seguridade; a maiores impóñense máis horas de servizos, sen informar sobre a modificación da partida orzamentaria.

Deste xeito, o GPP cre que se está á prexudicar a traballadores, en concreto aos que desempeñan funcións de auxiliares de servizo, que con esta modificación impídese a súa contratación. A maiores, a contratación de vixilantes de seguridade para desempeñar funcións que poden ser asumidas polos auxiliares, supón un maior custe para a administración.

Petición de explicacións

Os populares lembraron durante o transcurso da rolda de prensa que o presidente da Deputación Provincial de Lugo avanzou en reiteradas ocasións que apartaría aos políticos das mesas de contratación. Na Deputación de Lugo, polo momento, non o fixo e o Partido Popular ten un representante nas mesas de contratación.

Neste senso, dende o GPP anuncian que o seu representante non participará nestes procesos se non lle dan razóns sobre o porqué destes cambios nos pregos administrativos. Deste xeito, presentarán unha pregunta no próximo pleno da Deputación na que se interesarán polas circunstancias que propiciaron estes cambios.

Os populares explican que se está ante un contrato dun importe estimado de 4.235.163,12 euros en catro anos e dous prorrogables, polo que requirimos explicacións.