Partido Popular de Lugo

PP de Alfoz insta a Besteiro a reformar o entronque da estrada LU-0210 A Seara- San Acisclo coa Lugo 152 Foz e Ferreira para lograr un acceso seguro e acorde co transito que soporta

Alfoz 12 de marzo de 2014.- O PP de Alfoz insiste no mal estado que presenta a rede viaria provincial ao seu paso pola localidade e insiste na perigosidade que supón esta situación para tódolos conductores e viandantes.

Concretamente, esta mañá, o rexedor Emilio Lousas denunciou a situación que se vive no entronque da estrada LU-0210 A Seara- San Acisclo coa Lugo 152 Foz e Ferreira; trátase da saída dende o centro do concello de Alfoz á Mariña Oriental e ao norte do noso país, sendo tamén a única vía de comunicación para unha das principais empresas forestais da zona e de gran importancia para Galicia que ten un nivel de emprego directo de preto de 100 traballadores.

Afirmou o alcalde que a vía necesita un arranxo urxente por ser este un dos accesos comunicativos cunha empresa de gran vitalidade para a zona e máis tendo en conta a situación económica e empresarial pola que está a pasar a Mariña e asegurou que a urxencia do arranxo tamén se basea no trazado estreito e sinuoso que presenta a estrada no entronque coa LU-152, o que ocasiona un grave perigo para os condutores, e máis cando a estrada é frecuentada por vehículos de gran tonelaxe.

Emilio Lousas pediulle tamén a Gómez Besteiro que aglomere todo o firme e adecue as cunetas nos tramos que faltan da estrada LU-0210, que comunica os concellos de Alfoz e Foz.

Concluíu o popular que as numerosas queixas manifestadas polos veciños e o mal estado do firme, principalmente no tramo que enlaza coa LU-160, así como a necesidade de arranxo do entronque, conlevaron a que os plenos locais de Foz e Alfoz aprobaran por unanimidade sendas iniciativas nas que se lle solicita á Deputación provincial o arranxo da LU-0210.

O GPP FORMULARÁ UNHA PREGUNTA NA VINDEIRA SENSIÓN PLENARIA

Por outra banda, O GPP preguntará na vindeira sesión plenaria a Gómez Besteiro se solventará esta situación xa que é o responsable e ten que desenvolver as labores axeitadas para garantir o bo estado da vía e a seguridade dos cidadáns.