Partido Popular de Lugo

O PP de Pol urxe limpar a terra e as rochas derrubadas sobre a estrada LU-P-4606 á altura do cruce cara San Bernabé

Pol, 7 de marzo de 2014.- O Partido Popular de Pol vén de dirixir un escrito ao alcalde da localidade, Lino Rodríguez, para que realice, de xeito inmediato, as xestións oportunas coa Deputación de Lugo e emprenda as labores de limpeza e de saneamento dun derrubamento sufrido na estrada LU-P-4606, de Rioxoán, por Boel, Chao de Pousadoiro e Carballido, a Asturias.

A voceira do PP local, María Ángeles Lenza, explica que este desprendemento de terras e rochas sobre a estrada de titularidade provincial produciuse fai máis dun ano, á altura aproximada do quilómetro 5,1; ao carón da intersección, que permite a comunicación á dereita cos pobos de Martín e San Bernabé (Baleira, LU-P-0406), e á esquerda coa parroquia de Lúa (Pol, LU-P-4606).

“A falta de implicación tanto da administración local como da provincial, provoca que esta situación leve tanto tempo sen resolverse pese ao perigo que entraña para os condutores dado a inestabilidade do material que se veu abaixo”, matizou a popular.

María Ángeles Lenza lamenta que o alcalde non fose quen durante este tempo de realizar as xestións oportunas para que a Deputación de Lugo procedese á retirada das rochas que afectan ao carril dereito da estrada, se atendemos á dirección cara Lúa.

A maiores, os populares no escrito dirixido ao alcalde tamén alertan dunha árbore localizada sobre a estrada no punto quilométrico 6,2 e que invade parte do firme, converténdose nun foco de inseguridade para os condutores por atoparse despois dunha curva.

 

 

O PP tamén presentou un rogo na Deputación de Lugo

O Grupo Provincial do Partido Popular de Lugo  dirixiu un rogo ao presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, no que lle urxe a realización das labores de limpeza e saneamento do derrubamento sufrido na LU-P-4606 e a maiores que proceda á corta da árbore.

Os populares explican que a Deputación é a responsable desta estrada e entre o seu deber atópase o de realizar as labores de conservación e mantemento co obxecto de garantir o bo estado da vía e a seguridade dos cidadáns.