Santiago, 08 de marzo de 2014.- O secretario do Parlamento de Galicia e deputado autonómico, Jose Manuel Balseiro, quixo dedicar o seu nomeamento como confrade de honra da Confraría do Ourizo de Xixón “a todo o pobo de San Ciprián, aos seus veciños e aos hostaleiros e administracións que fan posible da Festa do Ourizo”.
Estas palabras foron pronunciadas polo parlamentario durante o acto de nomeamento como integrante de honra deste destacado colectivo que traballa na posta en valor do ourizo mariño desde o punto de vista do seu potencial culinario e no que participaron 40 confrarías gastronómicas de España, Francia e Portugal.
Balseiro, tenente de Alcalde en Cervo, aproveitou tamén a súa intervención para invitar a todos os asistentes -máis de 200 persoas que ateigaban o salón de actos do antigo instituto xixonés- a asistir á Festa do Ourizo de San Ciprián, xornada de degustación por excelencia deste produto, que o 15 de marzo celebra a súa XXIII edición, nunha cita declarada de interese turístico galego.
Balseiro salientou que o ourizo mariño “de ser un produto que recibía escasa atención gastronómica, pasou a significar unha exquisitez moi valorada por aqueles que entenden da boa cociña” e puxo en valor os esforzos das administracións, como é o caso da Xunta de Galicia, “que desenvolven un plan de recuperación desta especie, así como todas as iniciativas destinadas a pontenciar o uso deste produto que cada vez gaña máis valor achegando o sabor do mar á nosa mesa”.
O tamén secretario do Parlamento de Galicia quixo eloxiar o papel que desempeñan as confrarías gastronómicas na salvagarda das tradicións culinarias e “na difusión dos nosos produtos máis alá das nosas fronteiras”. Balseiro díxose “comprometido e en plena sintonía coa labor que desenvolven as e os confrades para fomentar o coñecemento do rico patrimonio dos produtos do mar, que son unha das grandes riquezas que irmandan ás comunidades do Cantábrico”.
RECOÑECEMENTO
A Confraría do Ourizo de Xixón quixo recoñecer o compromiso de Balseiro coa posta en valor dos produtos do Mar –de feito é o portavoz de pesca do Grupo Parlamentario Popular de Galicia- e, moi en particular, como un gran defensor de distintas iniciativas de impulso de cara a promoción do ourizo mariño desde o punto de vista do seu potencial gastronómico.
Xunto ao parlamentario galego tamén foron honrados como confrades o Movemento Slow Food de Álava e o Centro de Interpretación y Experimentación Pesquera de Castropol, respectivamente.