Lugo 06 de marzo de 2014.- A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular, Elena Candia, informou esta mañá en rolda de prensa que o Valedor do Pobo admite a trámite a queixa presentada polos populares tras que a Deputación encriptase o contido das facturas.
A Deputación Provincial de Lugo viña publicando periodicamente decretos de presidencia nos que se ordenaba o pago de distintas facturas e nos que se incluían conceptos tales como nome, data, número de factura e importe, ademais do concepto polo que se autorizaba a correspondente liquidación.
Tras facerse público o pago, con diñeiro de todos os lucenses, de comidas á sindicalistas sobre o que o GPP tivo coñecemento a través destes decretos; a Deputación de Lugo cambia o modelo do documento, no que non se inclúe o concepto polo que se realiza o pago.
A voceira dos populares explica que a través deste cambio nos decretos se está a reducir a transparencia, dificultar as funcións e control e fiscalización e deturpar unha información que se ofrecía ata agora. Deste xeito, apréciase que, a Deputación pretende evitar que poidamos supervisar toda a documentación e que, por exemplo, se podan dar a coñecer posibles novos casos como o denunciado polo PP.
Ante esta situación, os populares solicitaron a intervención do Valedor do Pobo, polo que reciben con agrado a notificación e agradecen o seu traballo, ao tempo que agardan que sexan respetados os seus dereitos constitucionais e poder exercer así as funcións encomendadas da mellor maneira posible.
Uns obstáculos que van a máis
Dende fai tempo os populares sofren limitacións para acceder á información, tal e como puxeron de manifesto a través dos medios de comunicación. Porén, estas restriccións víronse incrementadas nos últimos meses de forma moi acusada e despois de darse a coñecer asuntos que ao parecer non lle gustaron ao goberno provincial, matizou a popular.
“Dende que informamos aos veciños sobre o proceso de desvinculación do Breogán C.B., retrásasenos o acceso á documentación dos expedientes aprobados en Xuntas de Goberno”, exemplificou a voceira do GPP.
Para cubrirse do artigo 19 do ROF que regula un prazo de cinco días para responder motivadamente ás solicitudes; a Deputación remíte ao GPP un escrito informando da admisión da solicitude, porén despois dende a administración provincial tardan, en moitas ocasións, un prazo de tempo inadmisible en convocar ao GPP a un día e hora para estudar a documentación.
Por exemplo, a popular citou solicitudes do 25 de abril de 2013 ás que non se deu acceso, e no 2014 só se comunicaron días para ver a documentación do 15% das peticións rexistradas.
Un dereito dos populares
O dereito á información por parte do Grupo Provincial do Partido Popular garántese no artigo 18 do Regulamento Orgánico de Funcionamento da Deputación; mentres que no artigo 20 recóllese que “os servizos administrativos da Deputación están obrigados a lles facilitar aos deputados/as acceso á información sen necesitade de solicitude previa nos seguintes casos:… Cando solicitan documentación referida aos asuntos que estean incluídos na orde do días das sesións dos órganos colexiados dos que forman parte”.
Este é o caso dos decretos de presidencia, explicou a popular, dos que se dan conta no pleno, -órgano colexiado-, polo que “estamos ante unha documentación a que temos pleno dereito e acceso e que se incripta”, matizou a popular.Neste senso, a popular fixo referencia a Lei de 19/2013, de 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e de bon goberno que recolle estes tres principios comos “eixos fundamentais de toda acción política”; e que polo tanto a actitude que está a promover a Deputación de Lugo é contraria a estes fins.