Partido Popular de Lugo

O PPDEG RECORDA QUE “DURANTE O BIPARTITO NA XUNTA DE GALICIA SE INVESTIU NA CIDADE DA CULTURA MÁIS EN QUE CALQUERA OUTRA LEXISLATURA: 137 MILLÓNS DE EUROS”

Santiago, 21 de febreiro  de 2014.- O voceiro de Cultura do Grupo Popular, Agustín Baamonde, recordou hoxe que “durante o Bipartito na Xunta de Galicia se investiu na Cidade da Cultura máis que en calquera outra lexislatura: 137 millóns de euros, e gastaron tamén máis de 600.000 euros en procesos de participación e plans directores, feitos, por certo, con empresas con domicilio social fóra de Galicia”.

Así, indicou o deputado popular que “o ano do Bipartito, co BNG a fronte da Consellería de Cultura, que menos se investiu foi no 2007, con 22,9 millóns de euros, seguido do 2008 con 30,9 millóns, no 2006 37,7 millóns e no 2005 foron 46,2 millóns”. E naquela etapa a deputada Ana Pontón “enviou unha carta aos xornais deixando claro que ela nunca mantivo unha posición crítica coas inversións na Cidade de Cultura de Galicia” segundo indicou Agustín Baamonde.

Esta actitude, indicou o deputado popular “contrasta claramente coa que está a manter recentemente e os datos tamén son significativos xa que no ano 2009, xa durante o goberno do PP na Xunta de Galicia, as inversións foron de 16,5 millóns e na ano 2012 baixaron ata os 6,5 millóns”.

Agustín Baamonde respostou as criticas nacionalistas sobre os gastos no Gaiás reiterando que as contas e contratos da Fundación Cidade da Cultura de Galicia “están sometidos a estritos controis, de ata catro niveis diferentes, co fin de garantir o absoluto cumprimento da legalidade e a súa transparencia”. Así, nomeou que como fundación pública está sometida a unha auditoría externa e esta, xunto coas contas, son entregadas ao Consello de Contas, a Consellería de Cultura e a Intervención Xeral da Xunta de Galicia.

“A cifra de 25000 euros que indican os nacionalistas é incorrecta e deliberadamente esaxerada” sinala o deputado do PPdeG “ xa que nestes gastos correntes o BNG non aclara que están incluídos os gastos de todos os organismos e servizos da Xunta trasladados ao Gaiás, gastos que non son novos, senón que xa existían”. Por exemplo, nomeou os gastos de mantemento da Axencia da Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o do Centro de Proceso de Datos Integral de Galicia (CPDI), o “corazón dixital” da Administración galega, e que, por exemplo, no caso do consumo eléctrico supón o 40% da factura do consumo eléctrico do complexo.

“Tampouco dí o BNG – segundo Agustín Baamonde – que o traslado de todos os CPDI de Galicia ao Gaiás está a Xunta a permitir un aforro de 3 millóns de euros ao ano, que a concentración de servizos está a permitir acceder a tarifas máis ventaxosas no caso de gastos correntes e que actualmente na Cidade da Cultura traballan preto de 300 persoas, entre persoal da Fundación, da AMTEGA, do AGADIC, os servizos de Bibliotecas e Arquivos da Secretaría Xeral de Cultura, e o espazo de coworking Emprende Cultura Gaiás”. Servizos aos que próximamente se sumará un novo espazo de emprendemento impulsado por Telefónica, engadíu Agustín Baamonde.

O voceiro de Cultura do Grupo Popular recordou que “dende a chegada do presidente Feijóo a Xunta de Galicia adoptáronse decisións de calado na dirección de aplicar no Gaiás un modelo de xestión sostible e de avanzar na contención do gasto, decisións como a paralización definitiva dos dous edificios pendentes de construír, que permitiu un aforro aos galegos de 77 millóns de euros, e a negociación coas empresas construtoras para que renunciasen ao beneficio industrial, o que permitiu un aforro de 5 millóns de euros”.