Partido Popular de Lugo

O PP insta a Besteiro a que colabore cos Concellos tralos danos ocasionados polos temporais

Lugo 20 de febreiro de 2014.- O Grupo Provincial do Partido Popular levará á próxima sesión plenaria unha moción na que reivindica unha maior implicación por parte de Gómez Besteiro cos concellos tralos danos sufridos pola sucesión de temporais que sacudiron Galicia nos últimos meses.

A voceira do PP na Deputación de Lugo, Elena Candia, acompañada de deputados provinciais, deu a coñecer esta mañá a presentación desta iniciativa baseada en que a razón fundamental da existencia dunha Deputación é a de cooperación, asistencia e axulio aos concellos máis pequenos.

A popular explicou que as inclemencias meteorolóxicas afectaron a infraestruturas das distintas administracións públicas, o que implica un esforzo engadido e imprevisible, cunha especial incidencia nos Concellos, que non só actuaron nas súas vías, senón tamén nas de titularidade provincial –limpeza de árbores sobre a estrada, de cunetas…-.

Así, a popular reincidiu en que a administración provincial en base as súas competencias e en alusión aos principios constitucionais de solidariedade, debe impulsar accións conxuntas que permitan a recuperación e reparación dos prexuízos xerados polo mal tempo.

A petición concreta dos populares é que Besteiro se implique cos concellos, tralos danos ocasionados pola sucesión de temporais que sacudiron á provincia e habilite, neste senso, unha liña de axudas á disposición das administracións locais.

A través desta proposta os populares pretenden aminorar a falta de colaboración que a Deputación de Lugo profesa cunha gran maioría dos concellos da provincia. “Só pedimos maior compromiso de Gómez Besteiro, tal e como están a demandar os alcaldes, que teñen no fronte a administración provincial galega co peor Plan de Obras e Servizos,  que incumpre en benestar ou que reduce as transferencias de capital a concellos nun 53%”, enumera a popular.

“Non estamos a falar de colaborar na xestión de emerxencias, senón de colaborar na reparación dos danos que se produciron en espazos tanto da súa titularidade como de titularidade provincial”, matiza Candia, “unha responsabilidade que está dentro das súas competencias”.

Reparación das estradas provinciais

A moción presenta unha segunda vertente na que os populares instan á Deputación de Lugo para que impulse un plan destinado a avaliar os danos ocasionados en infraestruturas da súa titularidade e proceda á reparación de cada un dos estragos, permitindo así a plena recuperación das infraestruturas danadas no menor tempo posible.

As agresivas inclemencias meteorolóxicas vividas durante os últimos meses empeoraron a situación na que se atopaban as estradas de titularidade provincial, en cuxa función de mantemento “o equipo de goberno da Deputación suspende, por carencias na renovación do firme, bacheado de maneira xeralizada, por non realizar tarefas básicas de conservación ou por só repoñer as caídas de muros e terrapléns en casos moi especiais”.

Esta situación provoca reiteradas solicitudes de alcaldes para a adecuación das vías, o que levou aos populares a urxir unha mellora nestas actuacións, xa que o mal estado das vías non se debe a falta de orzamento, senón á falta de xestión do bipartito lucense.

Por último, os populares tamén piden que a Xunta de Galicia e o Goberno Central avalíe e repare os danos nas obras da súa titularidade, un proceso que segundo lles consta aos populares, xa teñen iniciado dende as dúas administracións. De igual maneira, o PP tamén solicita que se manteña activo o dispositivo de emerxencia, de persistir as condicións climatolóxicas adversas ou o risco de novas alertas.