Partido Popular de Lugo

O PP de Riotorto reafirma que pacientes hospitalarios, do hospital de día, hospitalización a domicilio e de atención urxente non pagarán a prestación farmacéutica

Lugo, 31 de outubro de 2013.- O Partido Popular de Riotorto quixo desmentir unha vez máis as informacións que se están a difundir desde a alcaldía e, nesa liña, reafirmar que nin os pacientes hospitalarios, nin os pacientes de hospital de día, nin os pacientes de hospitalización a domicilio, nin os pacientes de atención urxente pagarán a prestación farmacéutica.

Os populares demandaron ao alcalde de Riotorto que “non confunda á poboación con mensaxes alarmantes e  deixe de xogar coa sensibilidade da xente” e lamentan que haxa políticos interesados en inventar un copago farmacolóxico que non responde ao novo sistema de aportación regulado na normativa vixente.

O Real Decreto-Lei 16/2012 tan só establece unha aportación reducida para as medicinas que se dispensan nas boticas hospitalarias con receita médica. Neste caso introducindo ademais “un criterio máis xusto” en función da renda, e no que operan exencións que ata o momento non existían como a que establecen que deixen de pagar os parados que non cobran subsidio de desemprego (cando antes pagaban o 40%); os perceptores do RISGA e outras persoas sen recursos ou, introduce un tope máximo de 8 euros para pensionistas.

PENSIONISTAS: MÁXIMO 8 EUROS

“Os pensionistas, tanto se a súa medicación se dispensa no hospital como nas farmacias, manteñen sempre o tope de 8 euros”, aseguran desde o PP, quen tamén puntualiza lembrando que para os traballadores activos se introduce “unha aportación do 10 por cento do fármaco hospitalario para os traballadores activos, co tope de 4,2 euros”.

Os populares tamén aclaran que de derrogarse este novo sistema algúns fármacos volverían a dispensarse a través de atención primaria, o que suporía que os usuarios deberían pagar entre un 40 e un 60 por cento do importe dos mesmos, “unha cantidade sensiblemente superior ao 10 por cento que abonan na actualidade”.

DEMAGOXIA

Para rematar, os populares afirman que os anuncios do rexedor, de asumir o pago farmacéutico dos seus veciños é unha decisión “demagóxica e enganosa” e demandan ao alcalde que traia,  pasado un ano, a factura do que tiveron que pagar, “porque aí é onde se poderá comprobar a mínima utilidade desta decisión”.