Partido Popular de Lugo

O PP resalta as axudas que a Xunta destina a Navia de Suarna para mellorar pistas rurais de titularidade municipal

Navia de Suarna, 07 de outubro de 2013.- Tras coñecer a colaboración económica da Xunta de Galicia co Concello de Navia de Suarna para a mellora de camiños de titularidade municipal, os populares de Navia explicaron que o seu partido trasladará ao goberno local das demandas dos veciños que piden que se realicen acometidos nos camiños propostos.

Os populares explicaron que tras a aprobación dos fondos por parte da administración autonómica, destinados á mellora da rede viaria municipal,  é o goberno local o que debe solicitar esta achega concedida e propoñer a relación de investimentos a executar con estas axudas.

Por iso como mostra dunha actitude activa e implicada co que demandan os veciños, os populares remitirán un escrito, que agardan que sexa tido en conta polo alcalde xa que traslada as peticións dos veciños de Navia.

Proposta do Partido Popular de Navia de Suarna

As obras que poderán ser incluídas ao abeiro deste plan marco do Programa de mellora de camiños de titularidade municipal 2013-2014, son actuacións de ampliación, mellora ou mantemento de camiños de titularidade municipal.

Así, os populares propoñen, neste momento, a inclusión de melloras (limpeza e acondicionamento) nos seguintes lugares pero manifestan que están dispostos a recoller máis camiños e pistas que os veciños que consideren oportunos:

En Navallos: camiño que pasa pola porta da casa da caseta

En Virigo: camiño que baixa ao río pola Fonte do Conde

En Cerredo: camiño que transcorre dende o pobo ao Barbeito

En Moya: camiño que baixa a Ponte do Río

Acondicionamento e limpeza do camiño que transcorre entre Moya a Alzada

En Méixamo: camiño que baixa por debaixo do pobo ao río

Colaboración económica da Xunta de Galicia

Os populares agradecen a colaboración económica e implicación da Xunta de Galicia co concello de Navia de Suarna que vén de conceder ao municipio unha contía de 46.290,00 euros dentro do Programa de mellora de camiños de titularidade municipal.

Esta contía distribuirase en dúas anualidades, cunha achega de 21.833,30 euros para a presente anualidade, e de 24.456,70 euros para o 2014; colaborando así a administración autonómica nun ámbito de especial relevancia para os veciños de Navia,  como é o da adecuación de pistas agrarias ou camiños rurais.

Esta actuación promovida polo Goberno galego, segundo explica a popular, insírese dentro do obxectivo global dos plans de mellora das infraestruturas no medio rural, que persegue que a totalidade dos concellos de Galicia se beneficien da mellora das súas infraestruturas básicas, e de xeito particular, daquelas que inciden na mellora da calidade de vida da súa poboación rural.