Samos, 20 de setembro de 2013.- O voceiro do PP de Samos, Jose Aurelio López, destacou esta mañá a achega de preto de 20.000 euros por parte da Xunta de Galicia, para a recuperación e conservación dos espazos naturais con espazos que forman parte da Rede Natura 2000 nesta vila.
“O Goberno galego investirá 19.405,18 euros a distribuír entre o ano en curso e o 2014 para estes espazos”- manifestou o popular, quen mostrou a súa satisfacción por esta boa nova.
Neste senso, José Aurelio López, manifestou que estas actuacións están dirixidas a contribuír á biodiversidade e á preservación dos ecosistemas de alto valor natural garantindo a compatibilidade cos valores naturais que cómpre protexer en cada zona e o mantemento dun estado de conservación favorable para os hábitats e as especies de interese de cada espazo dentro da Rede Natura 2000 de Galicia.
“Estas axudas están destinadas a tarefas de mellora da paisaxe, como a limpeza, restauración e sinalización de camiños e espazos recreativos; a manter as condicións ambientais e favorecer a recuperación de especies en zonas de Rede Natura 2000; e a recuperar ou restaurar elementos históricos patrimoniais, como hórreos, milladoiros, fontes cabanas ou valos”- manifestou o voceiro dos populares en Samos.
Concluíu o popular lembrando que a Rede Natura 2000 é un instrumento creado por unha Directiva da Unión Europea dirixido á conservación do medio natural, e a través do que se busca brindar a oportunidade de aproveitar as vantaxes económicas e sociais que unha xestión adecuada dos espazos naturais pode reportar, facilitando e potenciando aquelas actividades que, sendo compatibles coa conservación da natureza, contribúan á mellora da calidade de vida e, por extensión, ao desenvolvemento do territorio rural galego.