Partido Popular de Lugo

Alcaldes dos concellos da Ribeira Sacra denuncian o descoñecemento de Besteiro neste territorio

O Saviñao, 23 de setembro de 2013. Tras ser coñecedores de que a Deputación de Lugo levará ao pleno provincial de mañá martes unha moción para declarar a Ribeira Sacra Patrimonio da Humanidade e na que non están incluídos tódolos municipios que a conforman, os alcaldes dos concellos pertencentes a este territorio, denunciaron o descoñecemento de Besteiro no tocante a esta zona e a súa pretensión de romper coa unión duns municipios que traballan de forma unida, sólida e coordinada.

Nunha rolda de prensa, os rexedores denunciaron que Gómez Besteiro discrimina a 11 concellos da Ribeira Sacra, seis deles pertencentes a provincia de Lugo, posto que non os inclúe neste territorio.

Os populares lembraron que a Ribeira Sacra está declarada como maior concentración de románico de toda Europa e alertaron que ”si Besteiro suprime a 11 concellos deste territorio, en torno ao 60% do territorio do viñedo, casas de turismo rural, románico ou adegas desaparecería”.

Neste senso, os rexedores pregúntanlle a Besteiro, se concibe unha Ribeira Sacra sen monumentos de primeiro orden como o Chouzán de Carballedo, o San Nicolás de Portomarín ou San Estevo de Ribas de Miño, en O Saviñao.

Conclúen os populares instando a Besteiro a que rectifique o seu posicionamento, posto que de non facelo, provocaría danos irremediables nun territorio que traballa de maneira unida.