Chantada 3 de setembro de 2013.- O Partido Popular de Chantada vén de rexistrar dúas mocións plenarias nas que censura a xestión da Deputación Provincial de Lugo en dous aspectos. Por un lado, os populares propoñen ao pleno municipal que acorden instar ao goberno lucenses para que cumpra a normativa vixente en materia de benestar, mentres que, por outro lado, piden que se reprobe que traballadores da Deputación estean a ser liberados ao servizo do BNG.
Nas dúas propostas plenarias, os populares amósanse moi críticos cun goberno provincial que para os populares se está a equivocar na utilización que están a facer dos fondos públicos. Tanto é así que, segundo poñen de manifesto dende o PP de Chantada, non cumpren cos concellos en materia de servizos sociais; sen embargo, si que están a pagar a traballadores da Deputación que non realizan os eu traballo no ente.
Moción servizos sociais
En concreto, na iniciativa relativa ao incumprimento da Deputación Provincial de Lugo en materia de políticas de benestar e no financiamento dos servizos municipais de axuda no fogar, o Partido Popular de Chantada propón ao pleno da corporación municipal esixirlle ao ente provincial que cumpra coa normativa vixente en materia de servizos sociais achegando os recursos precisos para o financiamento dos gastos íntegros do servizo de axuda no fogar e para a contratación de persoal distinto aos traballadores sociais.
Asemade, os populares pide que se reprobe o comportamento e a falta de sensibilidade do goberno bipartito provincial para coas persoas maiores e dependentes da nosa provincia e a súa negativa a asumir as obrigas de cooperación e colaboración que a lei lle corresponden.
Neste senso, os populares explican que a lei de servizos sociais aprobada polo goberno bipartito da Xunta de Galicia no ano 2008 pretendía dar un novo escenario na regularización dos servizos sociais e acadar un gran pacto social a favor dos desfavorecidos, impoñendo unhas obrigas económicas a todas as administracións: Xunta, Deputacións e concellos.
Unha regularización que se desenvolveu no decreto de servizos sociais 99/2012 de 16 de marzo, que establece que para os concellos de menos de 20.000 habitantes as deputacións provinciais financiarían maiormente o servizo de axuda no fogar básico (aquel que afecta á atención das persoas maiores e dependentes) e a contratación de persoal distinto aos traballadores sociais.
Ante esta situación, os populares chantadinos lamentan que a Deputación de Lugo sexa a única das catro galegas que estea a incumprir a normativa vixente, que trae consigo perdas negativas para os concellos que se ven obrigados a asumir con recursos propios ou a través do aumento das cotas que abonan os seus usuarios ao financiamento do SAF.
Así, os populares agardan que os grupos da oposición voten a favor desta iniciativa, tendo en conta que o concello de Chantada recibe da Deputación tanto só 12.777 euros, dos 68.664,36 que custa o servizo. Así, os populares pregúntanse se con esta contía está garantido o SAF básico na localidade.
Reprobación traballadores da Deputación liberados ao servizo do BNG
Os populares de Chantada tamén defenderán en pleno unha moción na que piden á corporación local que reprobe a trama de persoal ao servizo do BNG, pero a soldo da Deputación Provincial de Lugo.
Neste senso, os populares de Chantada esixirán durante a sesión que se depuren as responsabilidades políticas oportunas, instando á dimisión do vicepresidente primeiro do ente provincial, Antón Veiga, máximo responsable deste feito irregular.
Asemade, a proposta dacordo inclúe a esixencia ao BNG do reintegro dos salarios indebidamente percibidos do ente provincial, de todo aquel persoal que está a traballar para a Deputación, mentres cobra un salario do ente.