Partido Popular de Lugo

O pleno de O Caurel reproba o incumprimento de Antón Veiga en materia de Servizos Sociais

Lugo, 02 de setembro de 2013.- O pleno do Concello do Folgoso de O Caurel, co voto a favor dos populares e en contra dos socialistas, acordou reprobar o incumprimento da Deputación Provincial de Lugo en materia de benestar, e polo tanto, instan ao ente lucense a que cumpra coa normativa vixente en materia de servizos sociais achegando os recursos precisos para o financiamento dos gastos íntegros de axuda no fogar e para a contratación de persoal distinto aos traballadores sociais.

Os populares denuncian a “falta de sensibilidade e o partidismo” dos edís socialistas, que votaron en contra de que se garanta o SAF no Folgoso do Courel. “Prefiren defender ao seu partido político, que posicionarse ao lado dos veciños, que se converten nos máis prexudicados ante esta falta de colaboración da Deputación de Lugo”, manifestou a popular, Dolores Castro.

Achega ao Caurel

A rexedora local critica que este incumprimento en materia de benestar por parte do departamento que lidera o nacionalista, Antón Veiga, obrigara a unha redución no número de horas de atención aos usuarios, dado a imposibilidade do concello de asumir o custe deste servizo.

A popular explica que o servizo de axuda no fogar no concello de Folgoso do Caurel supón un orzamento de 14.000 euros, dos que o concello achega máis de 12.000 euros, mentres a aportación da Deputación se reduce a 4.000 euros.

A Deputación non existe para Caurel

Dolores Castro lamenta o comportamento e a falta de sensibilidade tanto do goberno bipartito provincial como dos edís socialistas, para coas persoas maiores e dependentes do municipio, e reproba polo tanto a actitude de Antón Veiga  e José Ramón Gómez Besteiro ante a súa negativa a asumir as obrigas de cooperación e colaboración que por lei lle corresponden.

A popular explica que para Folgoso de Caurel non existe Deputación Provincial de Lugo, tanto é así que a achega do ente co municipio redúcese a unha aportación anual de entorno a 8.000 euros. Dende o PP instan a Gómez Besteiro a que lles diga se considera suficiente esta contía e se pensa que así está a cumprir coa súa obriga de colaborar cos concellos da provincia.

Os populares tachan de lamentable que se subvencionen cursos de risoterapia ou actividades de asociacións vinculadas politicamente por importes moi superiores aos que achega o ente provincial a un só concello da provincia durante toda a anualidade, e incluso se conceden subvencións por importe de 12.000 euros, solicitadas directamente por membros da lista do PSOE.