O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, José Manuel Balseiro, pediu hoxe a Bruxelas que recoñeza como flota artesanal aos barcos de baixura galegos que cumpran algún destes dous parámetros: menos de 15 metros de eslora ou que estean menos de 24 horas fóra do porto, isto é, que a súa actividade de pesca diaria no exceda de 24 horas.
Os populares veñen de rexistrar unha proposición non de lei no Parlamento de Galicia para que o Goberno galego dirixa ás autoridades comunitarias esta petición que permitiría ampliar o número de embarcacións galegas que se poderían beneficiar, dun xeito prioritario, das axudas contempladas no novo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), para o que a flota artesanal é un dos seus colectivos preferentes.
Os populares explicaron que polo momento Bruxelas tan só recoñece como flota artesanal a aquelas embarcacións de baixura con ata 12 metros de eslora e 15 GT que empreguen artes de pesca selectiva. Esta definición tan restrictiva trae consigo unha importante discriminación para outras moitas embarcacións que en Galicia realizan a mesma actividade e pasan as mesmas horas no mar pero superan eses parámetros.
“En Galicia, hai un importante número de embarcacións que superan estes límites –de entre 12 e 15 metros- pero que tamén forman parte do que poderíamos definir como unha actividade de baixura artesanal” explicou Jose Manuel Balseiro, quen sinalou que o obxectivo dos populares “é que o concepto sexa moito máis amplo e recolla a realidade da flota artesanal e de baixura galega”
O voceiro do Mar do Grupo Popular espera que sexa doado acadar unha posición favorable do conxunto das forzas parlamentarias a esta petición xa que logo reflicte unha demanda “xusta e proporcionada” do sector pesqueiro. Lembra tamén que nesta mesma reivindicación contan como aliados tanto coas autoridades pesqueiras da Xunta como do Ministerio e sinalan que todos esos son factores deben terse en conta á hora de expoñer o positivo desta petición diante das autoridades comuntiarias.
“A unión política e o apoio do sector, xa demostrou a súa capacidade de influencia e serviu para acadar outros avances neste mesmo ámbito” -explicou Balseiro Orol- “como pode ser a modificación da definición de pescador, que inclúe agora as mariscadoras e redeiras, de xeito que se converten en potenciais beneficiarias directas das axudas do FEMP, que antes as excluían”
NOVO FONDO EUROPEO
A Comisión Europea propuxo un novo fondo para as políticas marítima e pesqueira da Unión Europea durante o período 2014-2020: o denominado Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP). Este instrumento financeiro, cuxa proposta inicial de dotación ascende a 5.500 millóns de euros, vén a substituír ao actual Fondo Europeo de Pesca (FEP), entre outros. O fondo nace tamén coa idea de axudar aos profesionais do mar neste proceso de transición e ás comunidades costeiras na diversificación das súas economías.