O Partido Popular de Pobra de Brollón esíxelle explicacións ao rexedor local, o nacionalista, Xosé Luís Maseda, tras que o Grupo Provincial Popular detectara unha trama con traballadores liberados ao servizo do BNG pero que percibía un salario como persoal das áreas de goberno da Deputación, e entre a que se atopa un edil do BNG no Concello de Pobra de Brollón.
Ricardo Rodicio González, debería ser un administrativo eventual da área de Cultura, tal e como reflicte o seu nomeamento, pero en realidade –e segundo explican os populares-, exerce a súa función como concelleiro nacionalista na Pobra de Brollón, onde é público e notorio que pasa gran parte do seu tempo, feito, que segundo advirten dende o PP local, é incompatible coa xornada laboral oficial.
Ante esta situación, os populares do municipio consideran necesario que o rexedor dea explicacións ao respecto e máis tendo en conta que esta situación, segundo sospeita o propio PP local, pode ser constitutiva dun presunto delito de malversación de fondos públicos, ao estar percibindo un salario sen realizar as funcións polas que foi contratados.
Os populares municipais denuncian o abuso de poder do goberno que lidera Xosé Luís Maseda que está a liberar ao seu servizo un traballador da Deputación Provincial de Lugo e provocando que un empregado provincial en vez de traballar no ente institucional, tal e como se recolle no seu decreto de nomeamento, o faga co alcalde da Pobra de Brollón.
O PP local explica que calquera veciño da localidade pode avalar esta situación ao tempo que lle pregunta ao rexedor municipal se comparte esta actuación do seu edil e que se pode converter nun presunto fraude ao organismo público.
Asemade, os populares lamentan que unha vez máis no caso de Ricardo Rodicio González, ao igual que no de outros tres traballadores da Deputación, se tratase de emendar esta irregularidade a través da publicación dunha corrección de erros, dous anos despois de que o BOP recollese o seu nomeamento.
Forman parte dun partido cun posible financiamento ilegal
O alcalde de Pobra de Brollón cando menos debería explicar que actitude tomará ao respecto, logo de permitir durante anos que a súa man dereita no concello estivese cobrando da Deputación e traballando para o partido local, facéndoo dende o municipio no que se reside, feito incompatible coa xornada laboral oficial.
Polo que ante esta situación, o PP de Pobra de Brollón esíxelle ao alcalde nacionalista que dea a cara e explique esta situación, e que diga se a comparte, xa que forma parte dun partido político detrás do que os populares locais advirten de que se poda estar a dar unha posible situación de financiamento ilegal dun partido político.