Partido Popular de Lugo

Fernando Suárez deberá explicar que un dos seus edís forme parte da trama de traballadores da Deputación liberados ao Servizo do BNG

O Partido Popular de Ribadeo esíxelle explicacións ao rexedor local, Fernando Suárez, logo de facerse público que un edil do seu goberno forma parte da trama de traballadores liberados ao servizo do BNG que perciben un salario da Deputación pero que prestan labores políticas ao seu partido, no lugar de realizar as funcións propias do seu posto de traballo.

O PP de Ribadeo explica que Vicente Castro é a man dereita do alcalde nacionalista, polo que consideran necesario que o rexedor dea explicacións ao respecto e máis tendo en conta que esta situación, segundo sospeita o propio PP local, pode ser constitutiva dun presunto delito de malversación de fondos públicos, ao estar percibindo un salario sen realizar as funcións polas que foi contratado e sen, sequera, desprazarse ao seu posto de traballo no ente lucense.

Os populares municipais denuncian o abuso de poder do goberno que lidera Fernando Suárez, que está a liberar ao seu servizo un traballador da Deputación Provincial de Lugo e provocando que un empregado provincial en vez de traballar co vicepresidente da Deputación, tal e como se recolle no seu decreto de nomeamento, o faga co alcalde de Ribadeo.

Feito, que segundo o PP de Ribadeo, é notorio e coñecido por todos os veciños, tanto é así que o día a día no edil nacionalista transcorre no Concello mariñán sen pisar a cidade lucense, realizando labores ao servizo do goberno municipal nacionalista. En concreto, o propio PP local explica que calquera veciño da localidade pode avalar esta situación, ata o punto de que se despraza nun coche de titularidade municipal.

Solventar antes os propios problemas

Os populares de Ribadeo consideran que o alcalde nacionalista non está lexitimado para pedir dimisións noutros partidos políticos, tendo en conta que leva anos aproveitándose, conscientemente, dunha situación que pode incluso constituír un delito.

Polo que ante esta situación, o PP de Ribadeo esíxelle a Fernando Suárez que dea a cara e explique esta situación, ao tempo que lle piden que atenda a solventar os seus propios problemas nos que leva reincidindo os últimos anos, antes de atender ás situacións alleas