Partido Popular de Lugo

O PP vota en contra dos orzamentos do Valadouro tras rexeitar o bipartito a posta en marcha dun Plan de Emprego e trala decisión do Goberno local de incrementar un 22% a partida para festexos populares

O Valadouro, 10 de xullo de 2013.- O Grupo Municipal do Partido Popular votou en contra dos orzamentos do Valadouro incluso a pesar de que as contas do novo Goberno bipartito só varían nun 1,6% o destino voluntario dos recursos municipais en relación co proxecto de orzamentos que presentou no seu día o equipo que lidera José Manuel Lamela.

O portavoz popular xustificou este voto negativo en base a dous premisas fundamentais: a decisión do bipartito de rexeitar unha emenda do Partido Popular na que pedía a inclusión no orzamento dunha partida para a posta en marcha dun plan de emprego. E, en segundo lugar tras a decisión do Goberno local de incrementar en máis dun 22% da partida dedicada a festexos populares.

«Parece ser que para o bipartito do Valadouro, para socialistas e independentes, coa complicidade do BNG, a alternativa ao noso anterior Goberno se basea en restar recursos para xerar emprego e destinalos a festas e saraos»- dixo Lamela, quen asegurou que o PP nunca podería dar o visto bo a unhas contas que nacen con esta desastrosa filosofía.

PLAN DE EMPREGO

O Partido Popular defendía que, trala finalización do actual obradoiro de emprego e, con independencia de que se soliciten novas axudas, a situación saneada do concello permite poñer en marcha un plan de emprego municipal que tería por obxecto xerar novas oportunidades de traballo para os seus veciños, en especial para todos aqueles que pola súa idade ou formación teñen menos oportunidades de inserción no mercado laboral e que, co apoio do Concello e deste plan, poderían ter máis posibilidades.

O Partido Popular tamén considera desacertado que o bipartito incremente en maís de 6.000 euros os recursos públicos para festas populares. De feito PSOE, UDIVAL e BNG apoiaron incrementar de 20.953 a 26;953 esta partida. «Equivocan prioridades coa que esta caendo. E fanno ademáis asegurando que este é un exercicio de transparencia porque antes se pagaban facturas ocultas, feito que foi desmentido e advertido como falso polo propio secretario municipal.»

Os populares fixeron esta primeira valoración sobre o pleno municipal que  debateu -na tarde noite de onte- as contas para o ano en curso tralo bloqueo protagonizado polas tres forzas que asinaron a moción de censura e que, por certo, desaproveitaron unha nova oportunidade para facer público o pacto de Goberno que ainda manteñen oculto aos veciños.