Partido Popular de Lugo

BALSEIRO SALIENTA QUE OS CONCELLOS PODERÁN RENOVAR AS SÚAS MOTOBOMBAS MUNICIPAIS CO APOIO DA XUNTA

Santiago, 10 de xuño de 2013.- O  portavoz da área de Montes do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, rexistrou unha iniciativa interesándose polo apoio da Xunta aos concellos galegos para a renovación das motobombas municipais e, deste xeito, polo reforzo do disposto do operativo de prevención, loita e extinción dos lumes forestais.

Balseiro quere coñecer cantas motobombas ten previsto adquirir a Consellería do Medio Rural e do Mar, cales van a ser as características de financiamento desta liña de apoios e que criterios teñen previsto seguirse na asignación destas motobombas. O parlamentario anima a alcaldes e corporacións locais a facerse a solicitar estas axudas.

2 MILLÓNS DE EUROS EN AXUDAS

O Goberno galego anunciaba nas pasadas datas  que destinou preto de 2 millóns de euros á cesión de motobombas para o parque móbil dos concellos. Esta decisión debe enmarcarse na liña de colaboración permanente que a Consellería do Medio Rural e do Mar mantén cos concellos galegos para impulsar e desenvolver distintas medidas dirixidas á atención das emerxencias.

GRANDE EFICACIA

Balseiro quixo salientar que as motobombas municipais son unha ferramenta tecnolóxica e operativa a disposición dos concellos e de grande eficacia na loita contra o lume e que, de xeito complementario, o propósito da Consellería é impulsar un plan de modernización destes equipamentos.

O obxectivo final é dotar dos equipamentos precisos para minorar ao máximo as consecuencias e os impactos negativos que os incendios forestais provocan sobre a capacidade potencial de desenvolvemento e produción dos nosos montes, así como sobre a fauna, a flora e a paisaxe de Galicia.

CARACTERÍSTICAS

Os vehículos obxecto de cesión son de dous tipos: uns deles equipados con cisterna de 3.000 litros e cabina sinxela e outros equipados con cisterna de 2.400 litros e cabina dobre.

Para a presentación de solicitudes da cesión de motobombas os concellos interesados disporán dun prazo que remata o 22 de xuño.

BRIGADAS MUNICIPAIS

A campaña de incendios en Galicia está a piques de iniciarse, e este verán o dispositivo contará ademais con novas brigadas municipais, que se sumarán ás propias do Seaga. Este operativo que está a desenvolverse tras asinar un acordo coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e froito do convencemento de que as administracións locais son as que mellor coñecen o seu territorio e, en consecuencia, uns aliados fieis na loita contra o lume.