Partido Popular de Lugo

José Luis Fugarolas non optará a reeleción como presidente do Partido Popular de Pol

Pol, 23 de maio de 2013.- Jose Luis Fugarolas non optará a reeleción como presidente do Partido Popular de Pol e, en consecuencia, o Congreso Local desta formación política, previsto para o 28 de xuño, será a cita na que os militantes populares están chamados a escoller de xeito directo á nova dirección local incluída a persoa que ocupe a súa presidencia.

A decisión de Jose Luís Fugarolas da pé a renovación do Partido Popular de Pol e a apertura dun proceso electoral –durante o que poderán presentarse distintas candidaturas- e que rematará a finais de xuño coa celebración da cita congresual.

Finaliza así un longo período no que Jose Luís Fugarolas, inspector veterinario de Sanidade Pública, compaxinou durante anos a presidencia local do PP coa alcaldía. De feito, foi o rexedor municipal de Pol durante máis de 20 anos, ata as eleccións de 2007. Durante os catro anos posteriores foi portavoz do Grupo Popular Municipal e liderou a oposición ante o pacto de goberno entre PSOE e BNG.

AGRADECEMENTO E RECOÑECEMENTO

Desde a dirección provincial do PP o seu presidente, Jose Manuel Barreiro, quixo poñer en valor a traxectoria política de Jose Luís Fugarolas, tras case tres décadas de dedicación ao partido e ao seu concello, así como a xenerosidade que demostra dando un paso atrás e facilitando a renovación do partido. Con todo amosouse convencido de que seguirá achegando a súa experiencia e capacidade, neste caso, desde outras responsabilidades distintas á da presidencia local, que ocupará unha nova persoa.

Os populares na provincia de Lugo veñen desenvolvendo cada fin de semana do mes de maio e, tamén ao longo do próximo mes de xullo, a convocatoria de distintos congresos locais, a renovación das estruturas de dirección e a decisión, coa participación directa dos militantes, da estratexia a seguir de cara aos vindeiros anos e coa vista posta nas futuras eleccións municipais.