Partido Popular de Lugo

O PARLAMENTO GALEGO, CO APOIO DO GRUPO POPULAR, DEMANDA SOLUCIÓNS AOS PROBLEMAS DA COMUNIDADE DE REGANTES VAL DE LEMOS

Santiago, 20 de marzo de 2013.- O Parlamento galego, co apoio do Grupo Popular, aprobou hoxe unha iniciativa na Comisión de Agricultura na que demanda solucións aos problemas que afectan á comunidade de regantes do Val de Lemos. A débeda que pesa sobre esta comunidade, contraída co Ministerio de Agricultura e coa Confederación Hidrográfica, compromete a continuidade e futuro desta infraestrutura de regadío que foi concibida para o fomento da actividade agrícola na zona.

Os populares votaron favorablemente a proposta presentada polo Grupo Socialista logo de poñer de manifesto que o PSOE plaxiara de xeito literal “punto por punto e letra por letra” unha moción que o propio PP impulsou e logrou aprobar no Pleno municipal de Monforte o pasado 5 de marzo. De feito, unha simple análise do documento permite ver como ambos textos presentan idéntica exposición de motivos e idéntica proposta de acordo.

RECOÑECER TRABALLO GRUPO PP EN MONFORTE

O deputado do Grupo Popular Jose Manuel Balseiro agradeceu que o PSOE veña a recoñecer a través do seu plaxio o traballo que o Grupo Municipal do Partido Popular de Monforte e particularmente o que a súa portavoz, a tamén deputada Julia Rodríguez, realiza como líder da oposición e en defensa dos intereses dos veciños da zona. Lamentou, sen embargo, que os socialistas se teñan limitado a traducir do castelán ao galego a moción, sen achegar ningún argumento novo, o que denota certa falta de esforzo por parte dos deputados do PSOE e incluso unha evidente falta de iniciativa que leva a copiar o traballo feito por outros partidos.

De calquera xeito, os populares vén favorable que as distintas administracións competentes se involucren na procura dunha solución que garanta a continuidade desta comunidade e da infraestrutura de rego que xestiona. Isto é así porque, segundo explicou Balseiro retomando o argumento utilizado no seu día polo Grupo Municipal do Partido Popular, o peche das canles de rego ou a simple desaparición da comunidade de regantes abocaría á perda total do enorme potencial agrícola da comarca de Lemos e non serviría para dar solución ao problema da débeda.

Ante este panorama, Balseiro defende que o acordo adoptado no Parlamento supón unha declaración de compromiso e apoio aos regantes e  á preservación da infraestrutura do regadío. O deputado subliñou tamén na súa intervención a importancia de impulsar, a través das administracións competentes, outras posibles solucións de futuro como son: a delimitación concreta do perímetro do regadío, buscar resolver á débeda da comunidade de regantes coas medidas técnico financeiras pertinentes, acometer a modernización dos regadíos do Val de Lemos e  acompañala coa concentración  do uso dos terreos de xeito que permita facelos produtivos e rendibles