Partido Popular de Lugo

NN.XX. da provincia de Lugo celebrou esta tarde unha Intermunicipal na capital para abordar a importancia do fomento do emprego xuvenil e o Plan posto en marcha polo Goberno Central

Lugo 16 de marzo de 2013.- Novas Xeracións da provincia de Lugo celebrou esta tarde, na sede do PP lucense, unha Intermunicipal para abordar a importancia do fomento do emprego xuvenil e dar conta da Estratexia do Emprendemento e Emprego Xoven posta en marcha polo Goberno Central.

Desta forma, esta I Intermunicipal de Novas Xeracións da Provincia de Lugo levou como lema “O Camiño da Recuperación” e congregou a mozos de toda a provincia, así como a concelleiros responsables de emprego e outros cargos públicos, entre eles, o subdelegado do Goberno e vicesecretario do PP lucense, Ramón Carballo; os deputados nacionais; Joaquín García Díez e Jaime De Olano; ou o secretario de organización do PP en Lugo, Luís Lamas.

O presidente da agrupación político xuvenil na provincia de Lugo, Daniel Vega, asegurou que este encontro serviu para dar a coñecer as medidas impulsadas polo presidente do Goberno, Mariano Rajoy, para combater o paro e para fomentar o emprendemento entre os máis novos. Asemade, o popular tamén aseverou que actos deste tipo permiten poñer en común aportacións incentivadoras do emprego entre os mozos.

Programa

Baixo o lema “O Camiño da Recuperación”, o presidente local de Novas Xeracións da Provincia de Lugo, José Antonio González Vázquez, foi o encargado de inaugurar este primeiro encontro que xirou entorno a unha mesa de debate moderada pola voceira da agrupación xuvenil, Sofía Pérez Fernández..

As intervencións correron a cargo do subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo; do deputado Nacional, Joaquín García Díez e do xefe de Traballo e Emigración da Subdelegación do Goberno, Roberto Raposo.

O acto estivo clausurado polo presidente provincial de Novas Xeracións, Daniel Vega, e polo secretario de organización do PP lucense, Luís Lamas

Unha aposta decidida de colaboración na loita contra o paro xuvenil

Daniel Vega asegurou que esta xuntanza naceu co único afán de apostar polos emprendedores, polo autoemprego e por loitar contra unha das principais lacras que afecta aos mozos: o paro xuvenil. Por iso, segundo explicou o dirixente popular, neste marco “puidemos intercambiar ideas e suxerencias” sobre o camiño a seguir para garantir “o futuro dos mozos”.

Unha aposta polo emprendemento e o emprego dos mozos que está a poñer en marcha o Goberno Central, explicou o popular, e que baixo un plan con 3.500 millóns “marca un antes e un despois na loita pola recuperación económica e a creación de emprego”. Segundo Vega, trátase dun plan pegado á realidade e con solucións concretas, colectivas e solidarias, con 15 medidas de choque que beneficiarán a máis dun millón de mozos; 85 orientadas a longo prazo para mellorar as oportunidades de acceso e permanencia dos mozos no emprego; así como medidas de apoio a autónomos e emprendedores porque son “a mellor locomotora para restaurar o crecemento e o emprego”.