“Sanidade ten moi avanzada a redacción do novo plan funcional do Hospital da Costa e polo tanto, podemos confirmar que demos os pasos previos e indispensables para que a próxima lexislatura sexa a da ampliación do hospital mariñán” así o indicou hoxe Rocío Mosquera confirmando as palabras do Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo nas que avanzaba esta boa nova que fará realidade unha das reivindicacións pendentes e de maior envergadura e interese para os veciños da Mariña logo de que o centro cumprira o seu 25 aniversario o pasado ano e estea ao límite da súa capacidade asistencial.
Rocío Mosquera fixo estas declaracións tras achegarse a nosa comarca para participar en varios actos electorais organizados polo Partido Popular de Lugo: un xantar de traballo con alcaldes e portavoces da comarca -que tivo lugar no restaurante Palacio de Cristal de Burela- e unha reunión con xubilados, máis en concreto, con máis de medio cento de membros da asociación Terra-Mar de San Ciprián. Rocío Mosquera estivo acompañada por Jose Manuel Balseiro, número tres da lista electoral do PPdeG na provincia de Lugo así como por outros dirixentes comarcais.
![]() |
CIRURXÍA LAPAROSCÓPICA
O plan funcional impulsado por Sanidade ten por obxecto describir e determinar as necesidades futuras do hospital e as melloras a incorporar conforme os requirimentos propios dun hospital moderno e avanzado. Así por exemplo o plan funcional describe os servizos existentes, as dotacións en materia de persoal e tecnoloxía necesarias e incorpora novidades -que nunca se tiveron en conta en proxectos anteriores- como as precisas para practicar a cirurxía laparoscópica – menos invasiva e dolorosa e moito máis cómoda para os doentes-
MELLORAS TECNOLÓXICAS
Desde o Partido Popular volveron a comparar o “investimento cero” do bipartito -recoñecido en resposta parlamentaria- cos máis de dous millóns de euros investidos polo Goberno do Partido Popular en diversas melloras no Hospital da Costa entre as que destacaron a reforma integral da área de maternidade ou a adquisición de novos ecógrafos. “Recibimos un hospital cun aparataxe obsoleto, pois socialistas e nacionalistas ademais de non investir un so euro en obras tampouco fixeron a renovación e mantemento preciso dos equipos sanitarios. En época de bonanza esqueceron o hospital, mentres que o PP en época de crise e dificultade corriximos esta situación por exemplo, con investimentos como o que coñecemos nos pasados días para renovar as estacións de anestesia dos quirófanos, isto é, preto de 200.000 euros achegados pola Xunta”
ENVELLECEMENTO ACTIVO
Pola súa parte, durante a reunión coa asociación de xubilados Terra-Mar de San Ciprián, Rocío Mosquera e Jose Manuel Balseiro explicaron as novidades introducidas en materia de prestación farmacéutica como o uso de medicamentos xenéricos -igual de efectivos pero de mellor prezo- ou o novo sistema de pago de fármacos en función da renda, que incorpora á gratuidade a parados de longa duración, xunto aos xubilados coas pensións máis baixas e introduce descontos a familias numerosas. Rocío Mosquera tamén quixo animar aos xubilados a participar nos programas impulsados pola Xunta na promoción da autonomía persoal dos maiores e o seu envellecemento activo, así como o fomento da prevención e dos hábitos saudables.