Partido Popular de Lugo

“Galicia precisa un Goberno responsable cun programa concreto e realista para tódolos galegos”

O Presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, a cabeza de lista, Raquel Arias e a candidata Susana López Abella participaron esta tarde en dous mítines en Guntín e Palas de Rei.

José Manuel Barreiro comezou a súa intervención afirmando que Galicia precisa un Goberno responsable que promova a unidade fronte á división; un goberno cun programa concreto e realista para tódolos galegos.

Falou tamén Barreiro das declaracións verquidas por Xosé Manuel Beiras, asegurando que son unhas verbas inconcebibles que non caben nin dentro, nin fora, dunha campaña electoral.

“Declaracións así sobran da vida política galega; o único que indican é que este señor non está capacitado para estar no parlamento”- manifestou.

Foron Raquel Arias e Susana López Abella as encargadas de facer balance da lexislatura. Lembraron as populares que o goberno de Núñez Feijóo demostrou ao longo dos últimos catro anos que tomou as decisións correctas para que Galicia sexa hoxe unha comunidade solvente.

Concluíron os populares chamando a participación masiva dos galegos para convertir as tendencias das enquisas nunha maioría suficiente para que Alberto Núñez Feijó siga sendo Presidente de Galicia.