Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR DEMANDA AOS SOCIALISTAS QUE “TRASLADEN A SÚA PROPOSTA DE ACORDO POLO MONTE GALEGO Á PONENCIA QUE ESTES DÍAS TRABALLA NA REDACCIÓN DA LEI DE MONTES”

Santiago, 5 de xuño de 2012.- A portavoz de Conservación da Natureza do Grupo Popular, Emma Álvarez Chao, demandou hoxe ao secretario xeral dos socialistas galegos que “a súa proposta de gran acordo polo monte galego a traslade á ponencia que estes días está a traballar na nova Lei de Montes de Galicia, lugar idóneo para debater as súas ideas e sacar adiante unha norma consensuada que sirva para obter o mellor rendemento á nosa riqueza forestal”.

Álvarez Chao lamentou “as declaracións oportunistas realizadas polo secretario xeral dos socialistas galegos aproveitando o Día Mundial do Medio Ambiente, cando a ponencia da Lei de Montes xa conta cun traballo bastante avanzado no que se incorporaron distintas propostas feitas polos socialistas galegos”. “O Grupo Popular sempre amosou a súa disposición a debater e consensuar o contido desta norma cos demais grupos parlamentarios, cuestión que reiteramos con esta nova proposta presentada polo secretario xeral dos socialistas”, apuntou.

TOMADURA DE PELO

“Consideramos unha tomadura de pelo que veña agora pedindo a retirada do proxecto de Lei de Montes e ao mesmo tempo sinale que é o momento xusto para pactar unha estratexia encamiñada á valorización do monte aproveitando a tramitación parlamentaria desta nova norma”, indicou a portavoz popular. Neste sentido, criticou que a propia portavoz socialista en materia de Montes “interrompera esta mañá a reunión que estaba celebrando a ponencia da Lei de Montes para sacar a foto co seu secretario xeral, mostrando máis interese por saír na foto que por avanzar na tramitación desta nova norma e permitir a súa entrada en vigor no menor prazo de tempo posible”.

Así mesmo, Emma Álvarez lamentou que os socialistas galegos “continúen intentando sacarlle rendemento político aos incendios forestais e rexeitando a plena disposición amosada polo Partido Popular para situar a loita contra o lume nos nosos montes como un traballo de todos os galegos, algo que vimos reclamando insistentemente nos últimos tres anos sen que ata o momento atopáramos receptividade algunha por parte dos socialistas”.

A portavoz do Grupo Popular afirmou que “a verdadeira intención dos socialistas é fuxir de todo o que teña relación con consenso e buscar o seu único protagonismo, aínda que sexa con propostas resesas como a que veñen de presentar hoxe nas que se recompilan artigos íntegros do proxecto de lei de Montes do anterior Goberno bipartito”.