Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR INSTA Á XUNTA A FOMENTAR A CREACIÓN DUNHA ÚNICA ESTRUTURA QUE ENGLOBE A TODAS AS COOPERATIVAS LÁCTEAS EN GALICIA

Santiago, 26 de maio de 2012.- O Grupo Parlamentario Popular vén de presentar unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta de Galicia a fomentar a creación dunha única estrutura que englobe a todas as cooperativas lácteas en Galicia. “O obxectivo é defender de forma máis eficaz os intereses dos seus asociados, en especial fronte ás imposicións da industria e dos grupos distribuidores”, manifestou a deputada popular Emma Álvarez Chao.

Álvarez Chao salientou “a gran importancia das cooperativas agrarias dentro da realidade económica e social de Galicia, como axentes económicos esenciais e imprescindibles no desenvolvemento do noso país”.

IMPORTANCIA DAS COOPERATIVAS PRODUTORAS DE LEITE

O Rexistro Oficial de Cooperativas de Galicia presenta un total de 1.136 entidades activas na Comunidade galega, das que aproximadamente un 35 por cento son urbanas e o 65 por cento restantes están localizadas no ámbito rural. “Podemos dicir, sen temor a equivocarnos, que as cooperativas produtoras de leite representan aproximadamente o 50 por cento das entidades agrarias de Galicia”, puntualizou a deputada popular.

Neste sentido, Emma Álvarez salientou “os beneficios que supón para as cooperativas a compra ou venda conxunta de produtos” e puxo como exemplo a actividade desenvolvida pola cooperativa de segundo grao Delagro, S.L. como central de compras, na que se engloban arredor dun cento de cooperativas localizadas en toda a cornixa cantábrica.

“Por este motivo, desde o  Grupo Popular consideramos conveniente que desde o Goberno galego se fomente a posta en marcha dunha única entidade que aglutine aos distintos proxectos cooperativos lácteos existentes en Galicia, co obxectivo de que poidan defender dun xeito máis eficaz os intereses dos seus asociados”, manifestou Álvarez Chao.