Partido Popular de Lugo

Catro anos despois a Deputación aínda non ten claro que facer co Mirador de Mondoñedo

Mondoñedo, 28 de setembro de 2011.-  O bipartito provincial aínda non ten claro que fará coas instalacións do Mirador de Mondoñedo, todo iso a pesares de que xa transcorreron catro anos desde que asumiron a responsabilidade de goberno e desde entón continúan con esta cuestión dentro dos moitos asuntos pendentes. En resposta a unha pregunta rexistrada pola deputada popular Elena Cándia, no pleno da Deputación que tivo lugar no día de onte, os responsables do organismo provincial aseguraron non ter claro si iniciarán un novo proceso de alleamento das instalacións –tras quedar deserto o anterior- ou polo contra, si apostarán por executar directamente accións para adecentalas e poñelas en valor.

A líder dos populares mindonienses lamenta a “indefinición e falta de ideas” do Goberno provincial e salienta que levan anos desoíndo as peticións efectuadas polos veciños e polo propio Pleno da Corporación Municipal de Mondoñedo –incluído os grupos locais do BNG e o PSOE- que reclaman á Deputación por unanimidade a recuperación desta instalación.

Resulta “incrible que a estas alturas no Goberno bipartito provincial aínda non teñan claro o que queren facer co Mirador de Mondoñedo e que estean desaproveitando deste xeito unhas instalacións que poderían constituír, previamente acondicionadas, un punto de atracción turística relevante para a nosa vila”. Con todo a Elena Candia non lle sorprende esta postura da Deputación “pois día a día amosan que actúan con improvisación e con falta de perspectiva estratéxica, incluso naqueles proxectos que poderían ser positivos para o conxunto dos veciños”.

A portavoz dos populares mindonienses tamén explicou que na súa resposta os responsables da Deputación amosáronse dispostos a tratar “con especial atención” as iniciativas de particulares o empresas que puideran estar interesadas na xestión deste mirador e incluso emprazáronlle a ela a dar conta das mesmas. Un “compromiso que espero sexa real, e polo tanto que cumpran, xa que ante a incapacidade e pouco interese do goberno provincial para facelo, non temos ningún  problema desde o Grupo Popular en substituílos e propoñer alternativas en beneficio de Mondoñedo e da provincia”.