Partido Popular de Lugo

Recoller inquedanzas e prestixiar o oficio de ensinar, principais obxectivos da comisión de Educación do PP

Lugo, a 10 de setembro de 2011.- Coñecer con detalle os problemas que no eido educativo poidan existir na provincia; recoller as inquedanzas que ó respecto formule o profesorado, dándolle inmediato traslado ós órganos competentes; e revalorizar o prestixio do oficio de ensinar son os principais obxectivos que os integrantes da comisión de Educación do Partido Popular se fixaron  como deberes durante a primeira reunión mantida tras o descanso estival.

A comisión de educación considera imprescindible, para poder facer propostas concretas encamiñadas a mellorar o funcionamento do sistema educativo na provincia, coñecer, de primeira man e pormenorizadamente, as peculiaridades de cada caso. Para logralo, incrementarán aínda máis a fluidez das relacións que manteñen cos profesionais da educación e fomentarán a súa participación tanto nos foros que organicen como recopilando as reflexións ou ideas que formulen de xeito individual.

Na xuntanza, na que tamén participou o presidente provincial José Manuel Barreiro, quen, aínda que comprensivo coa preocupación amosada polos mestres polo incremento de horas lectivas, apelou á súa responsabilidade e colaboración para afrontar do mellor xeito posible a crise actual e poder garantir así unha educación pública de calidade, tamén se coincidiu na necesidade de prestixiar a determinante labor que desenvolven os educadores nos diferentes niveis académicos. 

A este respecto, coincidiron en valor como positiva a aplicación da lei de convivencia como ferramenta de reforzo da autoridade dos profesores e do seu prestixio e constataron que a gratuidade dos libros segue sen incidencias os criterios fixados pola Consellería.