Partido Popular de Lugo

O PARLAMENTO DE GALICIA APROBA, A PROPOSTA DO GRUPO POPULAR, ESIXIR AO GOBERNO CENTRAL UNHA MAIOR IMPLICACIÓN EN APOIO DA FLOTA BONITEIRA

Santiago, 14 de setembro de 2011.- O Parlamento de Galicia aprobou a iniciativa proposta polo Grupo Popular para esixir ao Goberno central unha maior implicación en apoio da flota boniteira. O voceiro do Mar do PPdeG, José Manuel Balseiro, cualificou de “tirón de orellas”  da Cámara galega dirixido ao Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, ten por obxecto esixirlle ao Estado que nos vindieros anos corrixa as deficiencias que aconteceron nesta campaña e que provocaron grande malestar no sector ao sentirse abandonado durante días e incluso semanas.

O acordo parlamentario reclama ao Goberno central que, a diferenza do acontecido este ano, o despregamento do operativo loxístico, que acompaña ás embarcacións pesqueiras adicadas á captura do bonito do Norte, entre en funcionamento desde o inicio da campaña de verán –aló polo mes de xullo- e nunha soa fase. Deste xeito as embarcacións pesqueiras disporían da asistencia precisa –en caso de emerxencia- tanto do buque hospital Juan de la Cosa como do patrulleiro da armada Chilreu que, na presente campaña, non acompañaron á flota durante todos os días da campaña de verán, a diferencia do que fixeron noutras ocasións.

O voceiro do Mar dos populares galegos, Jose Manuel Balseiro, lembrou que Galicia é a única Comunidade autónoma que contribúe en apoio desta flota cos seus propios medios. Isto é así porque aos buques de titularidade estatal a Xunta engade o remolador Sebastian de Ocampo e os helicópteros Pesca 1 e Pesca 2 (estes últimos en apoio da flota que faena no Cantábrico). Pero tamén este ano o despregamento destes medios sufriu un considerable atraso, porque o Ministerio tardou máis dun mes en convocar a reunión de coordinación na que se decide o operativo loxístico que se despregará en apoio desta flota.  Para evitar eso o acordo parlamentario propón que esta reunión tamén teña lugar, sen excusa, con anterioridade ao inicio da campaña.

O acordo parlamentario contou co voto favorable de populares e socialistas e coa abstención do BNG. Jose Manuel Balseiro lamentou que os nacionalistas  non quixeran sumarse á petición e polo tanto que sexan incapaces de asumir a unha reivindicación xusta de Galicia en apoio da flota boniteira e dirixida a garantir unha mellor coordinación do operativo loxístico que acompaña as embarcacións pesqueiras galegas.