Partido Popular de Lugo

O CONCELLO DE CHANTADA RETEN FONDOS TRANSFERIDOS POLA XUNTA PARA PAGARLLE ÓS VECIÑOS QUE REHABILITARON DAS SÚAS CASAS

Chantada, 4 de maio de 2011.- O Concello de Chantada leva ata dous anos retrasando a entrega a veciños do casco histórico da vila de fondos aportados pola Xunta de Galicia para rehabilitación de vivendas. Os cartos foron destinados a outros fins polos dous alcaldes bipartitos, o que constitúe unha práctica incorrecta que priva aos cidadáns de algo que lexitimamente lles corresponde.

A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, axuda aos residentes no casco histórico a recuperar as súas casas e poñelas en condicións de habitabilidade propias do tempo presente. O pagamento das cantidades aportadas faise en dúas fases; en concreto, a derradeira entrega é librada pola Xunta logo de que o Concello de Chantada certifique oficialmente que a obra está rematada.

O Partido Popular de Chantada ten a certeza de que o Goberno autonómico transferiu ao Concello as cantidades correspondentes as certificacións municipais. Sen embargo, os veciños non só non percibiron os fondos que son seus, se non que tampouco recibiron explicacións da Administración local por retrasos que nalgúns casos chegan a os dous anos. Algúns dos prexudicados solicitaron o amparo do Partido Popular para remediar esta situación, que no caso de varias familias resulta insoportable para a súa economía.

Amáis dos danos causados aos veciños, o uso de fondos oficiais para un fin que non é o establecido constitúe una práctica moi grave, que pon en evidencia tanto a precariedade financeira do Concello de Chantada como as prácticas reprobables en persoas que desempeñan cargos públicos.

O PP solicita a inmediata reparación do dano que se está causando aos veciños afectados. Pide tamén aos dous alcaldes bipartitos que expliquen con urxencia o seu comportamento, detallen o destino dos fondos e asuman as responsabilidades políticas correspondentes.