Partido Popular de Lugo

O CONCELLO DE CHANTADA NON INVERTIU A CUARTA PARTE DO DIÑEIRO ENTREGADO POLA XUNTA PARA ATENCIÓN DE DEPENDENTES A DOMICILIO

Chantada, 3 de maio de 2011.- O Concello de Chantada deixou de destinar ao coidado domiciliario de persoas dependentes case unha cuarta parte do diñeiro que a Xunta lle entregou para tal fin o ano pasado. “Tendo recursos económicos e habendo necesidades clamorosas de servizos de atención a domicilio, non ten explicación que os dous alcaldes bipartitos deixaran sen investir 40.321 euros entregados pola

Consellería de Traballo e Benestar”, manifestou o candidato popular á Alcaldía de Chantada, Ramón Fernández Reinoso.

A través do Plan Concertado, a Consellería de Traballo e Benestar entregou ao Concello de Chantada máis de 234.000 euros, dos que 144.318 estaban destinados ao servizo de axuda a domicilio para persoas dependentes. A primeira cantidade supuña un aumento de 77.500 euros con respecto a 2009 (case un 50% mais), por mor das necesidades detectadas e das xestións realizadas ao efecto pola secretaria xeral de Benestar, a chantadina Susana López Abella.

“O Concello –dixo Fernández Reinoso- non só non agradeceu a suba concedida pola Xunta, se non que, por incapacidade, non foi quen de gastar tódolos fondos aportados cando as necesidades son evidentes. Os dous alcaldes deberan dar explicacións as familias afectadas. A nós que non nos xustifiquen nada, que xa sabemos que o problema é a súa ineptitude, pero as familias prexudicadas merecen que alguén lles diga por qué non se consumiron eses cartos”.

Apuntar tamén que o Concello non gastou en 2010, 2.500 € destinados á Educación familiar nin 10.388 € destinados a persoal de servizos sociais.

O montante total do non gastado polo Concello de Chantada é de 53.209 €.

Desde que Alberto Núñez Feijóo asumiu a Presidencia da Xunta, a Consellería de Traballo e Benestar prestou especial atención a Chantada. Así o proba a cantidade de 850.000 euros dedicados a escolas obradoiro e programas de cooperación. Esta suma contrasta cos 6.000 euros que o Concello presupostou este ano para promoción de emprego, mentres o índice de paro non deixa de medrar.