Partido Popular de Lugo

Castiñeira anuncia a ampliación do horario de apertura dos colexios e melloras na seguridade do contorno dos centros

Lugo, 4 de maio de 2011.- O candidato popular á alcaldía de Lugo anuncia que, no caso de saír elixido alcalde o vindeiro 22 de Maio, ampliará os horarios de apertura dos colexios, unha vella reivindicación do PP que foi obxecto de varias iniciativas no pleno da corporación ao longo dos últimos 12 anos.

O programa, que recibe o nome de Madrugadores, supón a extensión tamén do calendario nos meses de setembro e xuño, co obxectivo de fomentar a conciliación laboral e familiar e incluso permitir o aforro económico das familias, que poderán evitar ter que contratar persoal de reforzo para coidar dos seus fillos. Ademais, tamén organizará actividades deportivas e lúdicas para o desfrute dos menores durante as fins de semana e os períodos vacacionais, o que permitirá a conciliación da vida persoal, familiar e laboral dos pais.

O compromiso trasladarállelo Castiñeira durante unha xuntanza que manterá na tarde de hoxe, xunto con varios membros da súa candidatura, coa Federación de Asociacións de Nais e Pais de Lugo. 

Seguridade.- Outra das maiores preocupacións dos pais é a seguridade dos seus fillos no contorno dos centros educativos e que haxa vixiancia policial na entrada e saída dos colexios, un compromiso que adquiriu con eles o candidato popular. 

Castiñeira concretou que nestes momentos hai problemas serios de seguridade en varios centros, que no seu día o PP trasladou á subdelegación do Goberno, ante a insistencia dos pais de cuestións de trapicheo e inseguridade dos menores ás entradas e saídas dos centros. 

Tamén no eido da seguridade vial, Castiñeira cubrirá o Parque Infantil de tráfico López Mella, un compromiso adquirido por Orozco que nunca chegou a realizar.

Máis medidas.-
Castiñeira tamén lles presentou varios compromisos máis relativos á educación:
·        A creación dun punto municipal de asesoramento e orientación para a prevención do absentismo e o abandono escolar
·        O apoio á formación en temáticas transversais como a adquisición de hábitos saúdables, a protección do medio ambiente ou a seguridade vial
·        O reforzo do programa de potenciación de lectura para escolares e as súas familias
·        O achegamento do novo Bibliobús aos centros educativos
·        O apoio aos intercambios de escolares con centros doutros países da Unión Europea
·        A organización de programas dirixidos a escolares para a posta en valor da riqueza patrimonial de Lugo
·        A promoción do voluntariado para o apoio na ordenación e dirección do tráfico nos centros escolares nas horas de entrada e saída dos menores
·        A colaboración e o apoio ás actividades desenvolvidas polas ANPAs, sobre todo no eido musical a través da escola municipal de música