Lugo, 27 de abril de 2011.- O candidato popular Jaime Castiñeira anunciou esta tarde que vai nomear un Cronista Oficial da cidade de xeito consensuado para cubrir o oco que deixou o xornalista e escritor Xosé Trapero Pardo á súa morte en 1995.
Castiñeira pensa que é hora de recuperar a figura da que Lugo carece dende fai 16 anos. O candidato popular adquiriu este compromiso durante unha xuntanza con diferentes asociacións culturais que mantivo esta tarde no centro de convivencia Uxío Novoneyra. Con todo, non quixo anticipar nomes, xa que pensa que é unha decisión de suficiente entidade como para ser abordada de xeito consensuado coa oposición e coas asociacións culturais do Concello.
Por outra banda, anuncioulles a creación dunha axenda cultural única, que se poderá consultar no portal web municipal, á que se incorporán os eventos culturais organizados por todas as Administracións públicas, entidades privadas e o tecido asociativo, coa finalidade de evitar solapamentos e dar a coñecer toda a oferta cultural.
Semana do Teatro para grupos lucenses.- Castiñeira tamén explicou que porá en marcha unha Semana do Teatro para grupos lucenses que estará protagonizada unica e exclusivamente por agrupacións do noso Concello. Esta medida complementarase co impulso a outros eventos clásicos moi consolidados pero que precisan unha potenciación, como a Semana Internacional do Cine de Autor, a Semana de Música do Corpus, o Festival de Jazz de Lugo, a Semana de Maxia, etc.
Castiñeira amosou unha gran sensibilidade coa cultura lucense, polo que facilitará a promoción e actuación dos grupos locais de música que poidan xurdir nos distintos ámbitos de formación que existen na actualidade, así como os que poidan aparecer no futuro ao amparo da Escola Municipal de Música.
Auditorio.- O candidato popular lembrou que Orozco foi incapaz de sacar adiante o proxecto do auditorio, malia que xa o deixara todo preparado o anterior alcalde popular Joaquín García Díez. Nese senso, subliñou que «agora que a Xunta do PP cumpre con Lugo e nos dá unha dotación para que deixemos de ser a única cidade galega sen esta infraestrutura, o goberno local tamén ten que cumprir». Por iso, elaborará unha programación cultural estable e desestacionalizada e tratará de incluír a Lugo nas xiras de grandes grupos musicais.
Banda Municipal.- Castiñeira tamén se referiu á situación da Banda Municipal, que se atopa en mínimos históricos de participantes nos seus 135 anos de historia. Para potenciala, avoga pola total profesionalización da Banda Municipal, para que os seus actuais integrantes, que agora teñen contratos de media xornada, se convertan progresivamente en traballadores a xornada completa. Ademais, crearemos unha Escola Municipal de Música, que prestará servizo, entre outros, ás asociacións de nais e pais, así como aos distintos centros de convivencia da cidade e das parroquias rurais para facilitar o inicio e perfeccionamento de novos instrumentistas.
Outras medidas.- O candidato popular completa as súas propostas culturais coas seguintes medidas:
· A recuperación do bibliobús para achegar os libros e as películas aos distintos barrios e parroquias
· A incorporación dun servizo de préstamo domiciliario para persoas enfermas ou con mobilidade reducida
· A posta en marcha dun programa de transmisión cultural interxeracional no que participarán escolares e maiores que medraron en Lugo
· A garantía da accesibilidade das persoas con discapacidade aos museos e outras instalacións de interese cultural, e aplicaremos descontos especiais para favorecer a súa participación en actividades culturais
· O apoio da participación das persoas con discapacidade en iniciativas artísticas e creativas
En definitiva, Castiñeira defende unha política cultural de verdade, propia dun alcalde que ten sensibilidade pola cultura e que non significa construír mausoleos cuxo mantemento anual supera o millón de euros (en referencia ao Museo Interactivo da Historia de Lugo) nin en programas de autobombo financiado con case 300.000 euros, en alusión a Lugo10.