Santiago, 22 de marzo de 2011.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Baleiro Orol, sinalou que a formación política á que pertence non vai a servir de coartada ao BNG para limpar a súa “mala conciencia política” e disimular “a falta de apoio ao sector pesqueiro na que repetidamente teñen incorrido os nacionalistas”. Os populares sinalan que si de verdade no BNG estiveran preocupados polas consecuencias que na flota galega ten o recorte das cotas pesqueiras das principais especies comerciais, terían apoiado, tal e como o fixo o PSOE, a iniciativa do Grupo Popular debatida fai un mes, no Pleno do Parlamento de Galicia celebrado o 22 de febreiro de 2011, en apoio destas flotas.
Jose Manuel Balseiro está convencido de que ademais de “chegar un mes tarde” os nacionalistas non teñen intención real de poñer solucións sobre á mesa ante os problemas que ameazan á nosa flota, xa que, se así fora, convencerían aos seus socios preferentes en moitos concellos e deputacións –aos socialistas- e obrigaríanlles a que mudaran as erradas decisións que o Ministerio de Medio Mariño está a impoñer, obrigando a moitas embarcacións a cesar na súa actividade –como no caso do lirio- non por falta de peixe no mar, senón por restriccións administrativas.
PETICIÓNS IMPROCEDENTES.- Os populares tamén significaron que consideran improcedentes algunha das peticións que recollía a iniciativa do BNG debatida hoxe. Así por exemplo pretendía que os galegos pagaran a irresponsabilidade e fracaso do Goberno central, que é a única administración competente tanto na negociación das cotas pesqueiras para 2011 como no tocante á xestión das distintas pesquerías. Os populares tamén consideran “pouco acertado” que os nacionalistas pidan un maior papel da Xunta de Galicia nos foros europeos nos que se negocian os límites de capturas, e despois no Parlamento de Galicia voten en contra das iniciativas que o PP rexistra, precisamente para evitar que volva a acontecer o que tivo lugar o pasado decembro, cando foi Estremadura, unha comunidade sen mar, a que acompañou e asesorou á delegación española no Consello Europeo de Ministros de Pesca.