Partido Popular de Lugo

Castiñeira subscribirá un convenio coa Deputación para renovar as instalacións da Protectora de Animais e evitar o hacinamento e as malas condicións nas que se atopa actualmente

Lugo, 23 de marzo de 2011-. O candidato do PP á alcaldía de Lugo Jaime Castiñeira avanzou que, no caso de saír elixido alcalde, subscribirá un convenio coa Deputación Provincial para renovar as instalacións da Protectora de Animais co obxectivo de evitar o hacinamento e as malas condicións nas que se atopan as súas dependencias.

Castiñeira detallou, logo dunha visita á Sociedade Protectora de Animais, que as instalacións datan de 1982 e ocupan unha superficie de 3.200 metros cadrados, que forman parte dunha gran parcela de 42.000 metros cadrados propiedade da Deputación Provincial, popularmente coñecida como de Codesido. Actualmente, preto de 400 animais ocupan estas instalacións, pensadas só para 120.

Os populares anuncian que renovarán as dependencias, estudando en función da dispoñibilidade orzamentaria e sempre ao longo do vindeiro mandato 2011-2015. «Sería estupendo prometer unhas infraestruturas novas, magníficas e xigantes, pero prefiro facer política seria», comunicoulles Castiñeira. O candidato popular, mediante un convenio coa Deputación Provincial, estudaría a ampliación das actuais instalacións cunha renovación das xa existentes, ou ben a construción dunhas infraestruturas novas. Tamén formula a posibilidade de chegar ás novas dependencias que precisa o Concello por fases e en diversas etapas e así poder acoller diferentes especies (cans, gatos, reptís, equinos, etc.).

Castiñeira censurou ao goberno municipal porque, por culpa da falta de xestión do Concello, a Sociedade Protectora de Animais non puido renovar as súas instalacións malia que existía un compromiso de 2005 da Consellería de Medio Ambiente, a través da Dirección Xeral de Biodiversidade, de invertir 300.000€ no proxecto. Pero a Xunta de Galicia non destinou eses fondos porque o Concello non fixo as xestións que lle correspondían: o proxecto, a licenza de obra, etc.

O popular entende que Lugo é un Concello volcado na sensibilidade cos animais (así o demostran os 1.186 socios da Protectora) e apelou á existencia da Facultade de Veterinaria e do hospital veterinario Rof Codina para afirmar que «non podemos seguir vivindo de costas á necesidade de renovar as instalacións».

Máis compromisos.- Castiñeira tamén avanzou a posta en marcha de varias medidas complementarias, como campañas de sensibilización contra o maltrato animal e de promoción de adopcións para mellorar a taxa de adopción (que, de todos os xeitos, é bastante alta, dun 60%).