Partido Popular de Lugo

Ramón Fernández encabezará a lista do Partido Popular en Chantada

Chantada, a 29 de xaneiro de 2011.- O presidente do Partido Popular de Lugo presentou hoxe a Ramón Fernández Reinoso como cabeza de lista da candidatura coa que os populares concurrirán ás vindeiras eleccións municipais en Chantada. Fixoo no transcurso dunha rolda de prensa na que tamén participou a presidenta do comité local Susana López Abella e o secretario xeral do PPdeLugo José Manuel Balseiro.

O presidente provincial José Manuel Barreiro salientou a valentía do novo candidato por “dar un paso ó fronte” e asumir o reto de “devolver a Chantada ó lugar que lle corresponde como cabeceira de comarca e ós chantadinos o orgullo de vivir no corazón de Galicia”.

Para o líder dos populares lucenses “non hai dúbida” de que o Partido Popular é a única forza política “con capacidade e con proxecto” para “asegurar un futuro mellor para este municipio e os seus veciños”. Así, segundo explicou, “é incuestionable e á historia me remito” que nin os independentes nin os bipartitos foron capaces de estar á altura das necesidades, demandas e expectativas dos chantadinos.

Na opinión de Barreiro, un alcalde como o actual que non foi capaz de reivindicar ante os seus propios compañeiros de partido, e nomeadamente ante o ministro de Fomento, a continuidade das obras da autovía Lugo-Ourense, “que tanto perxuizo están a causar a este concello”, que nunca fixo ningunha xestión encamiñada a requerir o cumprimento dos prazos de execución prometidos para a autovía Chantada-Monforte (que debería estar remantada o vindeiro ano) ou que nin sequera foi capaz de “pisar a Xunta de Galicia” dende que Núñez Feijoo asumiu a presidencia para “pedir por Chantada”, “non merece ser alcalde”.

Os resultados desta “actitude neglixente”, segundo a calificou José Manuel Barreiro, son evidentes: a ampliación do polígono industrial segue pendente e a depuradora aínda non se fixo porque o concello foi incapaz de poñer a disposición da Xunta os terreos precisos, por poñer só dous exemplos.

E desta situación de “parálise” son corresponsables, segundo recalcou, os dous socios de goberno porque o bipartito, salientou, “enténdense tan pouco que nin sequera foron capaces de poñerse de acordo para aprobar o orzamento”.

Barreiro recalcou que “outro xeito de gobernar é posible” e animou ós populares chantadinos “a explicar casa por casa o seu proxecto político” para que o 22 de maio “comence unha nova e prospera andaina para Chantada”.

Ramón Fernández Reinoso
Naceu en Sabadelle (Chantada) hai 34 anos.
Cursou estudios de empresariais e é empresario do sector agrícola.
Aínda que é militante do PP dende hai moitos anos, inicia agora como cabeza de lista a súa andaina política