Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR INTERÉSASE ANTE A XUNTA POLA REXENERACIÓN DAS ZONAS AFECTADAS POR INCENDIOS FORESTAIS, ESPECIALMENTE DESPOIS DAS ÚLTIMAS CHOIVAS

Santiago, 30 de xaneiro de 2011.- O Grupo Popular ven de rexistrar unha serie de iniciativas na Cámara mediante as que se interesa ante a Xunta de Galicia polas actuacións desenvolvidas para a rexeneración das zonas afectadas polos incendios forestais do pasado verán, especialmente das intensas choivas rexistradas nos últimos meses.

A deputada e voceira de Montes do Grupo Popular, Emma Álvarez Chao, salienta que a Consellería de Medio Rural desenvolveu accións urxentes para o control da perda de solo en montes afectados polo lume para frear procesos de erosión. Concretamente, a dita consellería, a través da Dirección Xeral de Montes, aplicou unha técnica pioneira en España para a protección e recuperación de solos en nove áreas de Galicia, especialmente nas zonas máis altas, con maior pendente e en cabeceira de concas hidrográficas.

As actuacións centráronse singularmente nos concellos de Muros, Camariñas e Boiro, na provincia da Coruña; no de Quiroga, en Lugo; no de Laza, en Ourense; e nos da Cañiza e Covelo, en Pontevedra. Álvarez Chao pretende que a Xunta explique no Parlamento a técnica de restauración post-incendios desenvolvida e o plan de actuación de restauración forestal levado a cabo en cada un dos incendios máis destacados do pasado verán.

Así mesmo, solicita un balance das accións levadas a cabo pola Xunta en relación á rexeneración das zonas queimadas despois das choivas dos últimos meses e que se explique o papel do Centro de Investigación Forestal de Lourizán na dita restauración forestal.