Partido Popular de Lugo

Barreiro: “todos os veciños de Quiroga teñen claro que Julio Alvarez é un excelente alcalde”

Quiroga, a 28 de xaneiro de 2011.- O presidente dos populares lucenses fixo hoxe público en Quiroga, tras tomar en consideración a recomendación realizada pola propia executiva local, a proposta da dirección provincial para que Julio Álvarez volva a encabezar a candidatura dos populares neste municipio nas vindeiras eleccións municipais. O anuncio realizouno durante unha xuntanza do comité local de Quiroga desenvolvida a última hora da tarde de hoxe no centro social da localidade, na que tamén participou o secretario xeral do PPdeLugo José Manuel Balseiro.

José Manuel Barreiro asegurou durante a súa intervención que non alberga “ningunha dúbida” de que tras as eleccións do 22 de maio Alvarez Núñez continuará ó fronte da alcaldía. “Os resultados acadados polo Partido Popular nas últimas citas electorais, cun respaldo por riba do 70 por cento, poñen de manifesto a confianza maioritaria que os veciños deste municipio teñen en Julio e no seu equipo”, indicou.

“A estas alturas está claro que todos os veciños de Quiroga saben ben quén é o seu alcalde e, o máis importante, son coñecedores da súa capacidade de xestión e a súa incansable entrega para reivindicar e acadar para este concello máis e mellores servicios e, polo tanto, o máximo nivel de benestar para os seus habitantes”, explicou. “Julio Alvarez é un excelente alcalde”, apuntillou.

O líder dos populares lucenses puntualizou que “pese a que estamos seguros dos excelentes resultados que imos a ter en Quiroga, non debemos confiarnos” e neste contexto instou ós membros do comité local a traballar duro e transmitir o proxecto de futuro que representa o Partido Popular a todos e cada un dos veciños do municipio.

Julio Alvarez Núñez
Naceu o 18 de agosto de 1957. Está casado e ten tres fillos
É ATS e ocupa a alcaldía de Quiroga dende 1987. Foi presidente fundador da Fegamp. Dende o 2000 preside o comité local do Partido Popular.